O Concello suscribe convenios con AGA, coa AGFA do Eume e coa asociación agroecolóxica A Cortiña

0

O responsable municipal da área de Desenvolvemento local, Manolo Varela, reuniuse o venres cos presidentes das tres entidades que colaboran co Concello no ámbito da apicultura, a fructicultura e da dinamización do sector primario para suscribiren os respectivos convenios anuais, que en 2017 alcanzan a cifra total de 6.200 euros. Así, a Asociación Galega da Froita autóctona que xestiona a horta de conservación Carlos Fornos recibirá 3.500€, a delegación de Ferrolterra da Asociación Galega de Apicultura percibirá 1.500 e a asociación agroecolóxica A Cortiña contará cunha axuda fixa de 1.200 euros destinados, principalmente, a continuar co desenvolvemento de xornadas técnicas.

Máis en detalle, no caso da AGFA do Eume o convenio establece que a entidade deberá continuar enriquecendo a plantación situada na Cortiña con novas variedades ou repoñendo os pés que fallen. Ademais tamén se recolle a colaboración da asociación na organización do concurso de froita autóctona da Feira Rural, a encomenda de planificar as visitas ao recinto e a realización dunhas xornadas sobre alimentación saudable dirixidas ao alumnado do CPI .

Este ano -e de aí o incremento económico do convenio con respecto a 2016- a AGFA do Eume volverá asumir o mantemento íntegro da horta de conservación de castes do país Carlos Fornos, facendo tanto labores de sega e acondicionamento do chan como os de poda e outros traballos que requiran as instalacións. Ademais, no acordo rubricado o venres tamén se establece o compromiso de organizar un curso de fructicultura de 30 horas gratuíto para a veciñanza de San Sadurniño.

O convenio coa AGA-Ferrolterra tamén delega nesta asociación o mantemento completo do apiario didáctico situado ao pé da plantación de froiteiras. Así deberán repoñer elementos deteriorados, ofrecerlles ás abellas os coidados que requiran e mesmo contratar un seguro de responsabilidade civil polos danos que puidesen causar. O acordo tamén inclúe unha parte didáctica, vinculada á realización de dúas visitas guiadas por parte do alumnado do CPI -o 50% do mel recollido destinarase precisamente ás visitas escolares- e á celebración dunha exposición apícola na Feira Rural. A asociación deberá, ademais, levar a cabo charlas polas parroquias en relación coa apicultura, principalmente referidas á loita contra a avespa asiática.

Con  respecto a esta última cuestión, a asociación comprométese dentro do convenio a retirar niños de avespa asiática “naqueles lugares que se determinen entre as partes, e que sexan considerados un perigo para as persoas por mor da proximidade a vivendas ou espazos públicos”, tal e como indica o texto asinado.

O obxecto do último dos convenios asinados -o correspondente á Asociación Agroecolóxica A Cortiña- é crear un marco estable de colaboración entre o Concello de San Sadurniño e esta entidade “co fin de afianzar a dinamización socioeconómica do medio rural dende unha perspectiva ecolóxica e de sustentabilidade social, económica e ambiental”, tal e como aparece recollido na cláusula primeira do documento.

Entre as actuacións conveniadas están a organización de charlas técnicas, cursos e conferencias; a edición de material gráfico para a difusión da agroecoloxía e a cooperación con entidades públicas e privadas neste ámbito, xa sexa para facer intercambio de experiencias ou para realizar visitas de interese a lugares de referenza na produción agrogandeira ou na transformación de alimentos.

Os tres convenios  inclúen entre as súas cláusulas que a metade da cantidade asignada se librará xusto despois da súa sinatura e a outra metade cara a finais de ano, cando se presenten as facturas xustificativas dos gastos.

Ademais de Manolo Varela tamén rubricaron cadanseu convenio José Antonio Bellas por parte da AGFA do Eume, Rafael Díaz en representación da AGA-Ferrolterra e Xosé María García como presidente da Asociación Agroecolóxica A Cortiña.

Share.