O Concello somete hoxe a pleno a distribución do POS+ provincial

0

A corporación municipal de San Sadurniño está convocada para hoxe ás 19:30h a un pleno extraordinario que levará como único punto na súa orde do día a aprobación, se procede, dos proxectos  e investimentos que se van financiar a través do POS+ 2023 da Deputación da Coruña. Entre fondos xa consignados e os que previsiblemente habilite nos próximos meses o ente provincial -a través dos plans adicionais-, San Sadurniño dedicará a obras, investimento social e gasto corrente un total de 760.841 euros.

O capítulo de investimentos do POS+ divídese nunha achega fixa de 159.185,19€ e outra, denominada Plan Complementario -340.558,74 euros en proxectos- que se levará adiante sempre e cando a Deputación vaia xerando máis partidas económicas para o seu financiamento.

En canto a investimentos con cartos xa asignados, o Concello levará a cabo o aglomerado do camiño da Bidueda (eixo principal do núcleo de Cornide) e tamén un paquete conxunto para reparar os do Pico e o Chao (Ferreira), o do Vilar (Igrexafeita) e o de Orxás, en San Sadurniño. A terceira obra para completar os algo máis de 159.000 euros provinciais será a ampliación do saneamento e o abastecemento á zona do Rupiallo, en San Sadurniño, incluída a reparación da pista.

Para o Plan Complementario deseñáronse cinco proxectos: a reparación da ponte do Pozo de Lamas (Igrexafeita), a climatización e renovación do equipamento de sonorización e iluminación na Casa da Cultura; o arranxo das pistas de Solposto (Igrexafeita) e Lourido, Lugar do Monte, Pousadoiro e Racamonde (Naraío); o aglomerado da pista entre A Veiga e O Castro, en Bardaos e, por último, a reparación integral do enlace entre A Fraguela e a antiga estrada das Pontes,  co que se completará a mellora dos accesos ao castelo de Naraío e aos núcleos que se serven polo eixo A Longra-A Rampla.

Alén do financiamento de obras, o POS+ tamén se destinará a compensar gasto corrente, cunha partida de 202.139,70 euros dedicada a consumos enerxéticos  -iluminación pública principalmente- e ao mantemento eléctrico das instalacións municipais.

Cómpre destacar, ademais, que o POS+ Adicional 1/2023, denominado “POS Social” tamén achegará 58.957,41 euros para cubrir parte dos custes de contratación do persoal de Servizos Sociais, a ampliación do Servizo de Axuda no Fogar e a formación das profesionais de atención domiciliaria, o mantemento do programa de estimulación cognitiva “Memoria Activa” e o apoio ao programa de prevención e acompañamento a vítimas da violencia machista “O Lavadoiro”.

O pleno, por levar só este punto na orde do día, prevese breve.  Ademais tamén é de agardar unanimidade de todas as concelleiras e concelleiros, algo habitual cando se trata de votar o plan de investimentos provinciais. A sesión emitirase ao vivo a través de Facebook, onde tamén quedará gardada en vídeo. O audio estará dispoñible na plataforma iVoox minutos despois do seu remate.

 

Share.