O Concello pide que a FEMP lle retire o recoñecemento póstumo a Rita Barberá

0

O Concello acaba de remitirlle unha carta ao presidente da Federación Española de Municipios e Provincias -da que San Sadurniño forma parte- para que se deixe sen efecto a recente concesión da Chave de Ouro do Municipalismo á exalcaldesa de Valencia e expresidenta deste organismo Rita Barberá. Como se recordará, o pasado martes a entidade que engloba a meirande parte dos concellos e deputacións do Estado concedeulle  a Barberá esta distinción a título póstumo, nun acto encabezado por Abel Caballero e polo Presidente do Goberno, Mariano Rajoy. Ambos referíronse á política falecida en novembro como “unha persoa boa, decente e traballadora con vocación polo municipal”. Cualificativos cos que non coincide o executivo local de San Sadurniño, tal e como lle fai saber á FEMP na súa carta. Quizais a única cursada oficialmente ata este momento por un municipio.

A misiva vai dirixida ao máximo responsable deste organismo, o alcalde de Vigo Abel Caballero, e nela Secundino García expresa o “fondo malestar” do goberno local de San Sadurniño por unha distinción cualificada como “desafortunada e carente de fundamentos obxectivos”. Engádese a este respecto  que -ao parecer do executivo municipal- Rita Barberá “non acumulou en vida méritos abondos nin na súa etapa como alcaldesa de Valencia nin como presidenta da FEMP”.
O alcalde lembra a súa implicación na trama do caso Taula, “que significou a súa imputación por parte do Supremo”, e incluso o feito de que o propio Partido Popular “lle abriu expediente e forzou o seu abandono do grupo popular no Senado”. Por último, a carta enviada onte mesmo á sede da FEMP cita a figura de Barberá como “un dos exemplos da política do despilfarrol de comezos deste século”, poñendo como exemplo os sobrecustos da Cidade das Artes ou os investimentos públicos no Circuíto Urbano de Fórmula 1.
Malia recoñecer que “non é de bo gusto falar de quen xa non está entre nós”, Secundino García incide en que Rita Barberá non é “exemplo de municipalismo e de decencia”. O texto alude así  aos discursos pronunciados por Mariano Rajoy e Abel Caballero durante o acto de concesión póstuma da Chave de Ouro do Municipalismo “a unha persoa sobre a que se estenden moitas máis sombras que luces”.
Por todos estes motivos, e como alcalde dun concello membro da FEMP, Secundino García solicita formalmente que lle sexa retirada a Rita Barberá esta distinción ou que o máximo órgano da federación a deixe sen efecto.
Share.