O Concello saca unha primeira liña de axudas para entidades

0

O Boletín Oficial da Provincia deste mércores 10 de marzo publicou canda ás bases das bolsas escolares unha convocatoria específica para as asociacións e entidades de San Sadurniño coa finalidade de axudarlles cos gastos correntes efectuados durante o último ano.  A partida total para estas subvencións ascende a 3.000 euros e diríxense unicamente a aqueles colectivos que non suscriban convenio nominativo co Concello. Poderán solicitarse até o 15 de abril de maneira presencial ou a través da Sede Electrónica municipal. Esta cantidade non será a única que se destinará a colaborar co tecido social e deportivo do concello, xa que proximamente se reunirá o Consello de Participación Veciñal para abordar as previsións das entidades de cara a este ano e sacar unha segunda liña de axudas para actividade e investimento.

As bases xa publicadas no BOP establecen os criterios para a concesión de subvencións que compensen no posible os gastos correntes soportados entre o 1 de xaneiro de 2020 e o 31 de marzo deste mesmo ano. Neste sentido as axudas poderán solicitarse para os seguintes conceptos:

  • Gastos de mantemento, mellora das instalacións e equipamento das asociacións e entidade sen fin de lucro que dispoñan de instalacións en propiedade.
  • Gastos de funcionamento ordinario, como telefonía, electricidade, limpeza, papelaría, seguros de responsabilidade civil, etc.
  • Gastos en materiais de prevención da COVID-19
  • E tamén outros gastos ordinarios aos que os colectivos tivesen que facer fronte no último ano.

Estas axudas están abertas a todas as entidades veciñais, culturais e deportivas de San Sadurniño que non asinen convenio anual co Concello e, ademais, serán compatibles con outras concedidas para a mesma finalidade, aínda que sen superar en conxunto o importe dos gastos que se presenten como xustificación.

A solicitude das subvencións limítase a catro documentos: a propia folla de solicitude coa relación de gastos para os que se pide a axuda e o seu importe, unha certificación do número de persoas socias e do acordo da directiva de acollerse á convocatoria, unha declaración conforme a entidade pode percibir subvencións e, por último, -de ser o caso- unha declaración específica para aqueles colectivos que dispoñan de local propio ou en aluguer (só Igrexafeita e Naraío, posto que o resto exercen a súa actividade en recintos municipais).

A asignación dos fondos entre aquelas solicitudes que cumpran os requisitos farase mediante unha sinxela fórmula e, ademais, as peticións pasarán por unha comisión cualificadora con representación do equipo de goberno e dos tres grupos municipais, ademais dun traballador ou traballadora do Concello que exercerá a función de secretariado.

Unha vez presentadas as solicitudes -o 15 de abril é o último día-, as asociacións terán de prazo até o 30 de abril para achegar a documentación xustificativa dos gastos.

Convocatoria de axudas para 2021
A finalidade desta liña de subvencións extraordinaria é colaborar cos gastos fixos soportados polas entidades durante todo 2020 e o primeiro trimestre de 2021. Un período sen practicamente actividade -salvo algúns colectivos-que se agarda poder recuperar na medida en que a pandemia vaia indo a menos.

Por este motivo o Concello convocará proximamente a xuntanza do Consello de Participación Veciñal, órgano polo que pasan os borradores das convocatorias anuais de axudas para investimentos e actividade. Nesa asemblea, cuxa data aínda non se concretou, poranse en común as previsións das asociacións de cara a este ano, tendo en conta a imposibilidade de saber neste momento cal vai ser a evolución da situación sanitaria.

Nesa reunión poranse en común avances de programas -de habelos- e cuestións concretas que precisen os colectivos, co obxectivo de deseñar unhas bases para este ano que se axusten ás súas necesidades.

Documentación descargable:
Bases publicadas no BOP
Bases e follas de solicitude (.doc)

Share.