O Concello reunirá o Consello de Participación para analizar unha primeira liña de axudas para entidades

0

O Concello de San Sadurniño convocaba todos os anos por estas datas a xuntanza do Consello de Participación veciñal para analizar a proposta das bases reguladoras das axudas para Cultura e Deportes, de cara a que as entidades do municipio puidesen debater o seu contido e, de ser o caso, consensuar a introdución de cambios ou melloras. O 2020 foi un ano en branco por causa da irrupción da pandemia: a actividade quedou interrompida, a maioría dos colectivos entraron nunha especie de stand-by á espera de que as cousas mellorasen e tampouco prosperou a convocatoria anual de subvencións, que o Concello substituíu polo ofrecemento de axuda económica puntual para as entidades veciñais, culturais e deportivas  que precisasen cubrir  parte dos gastos correntes que tivesen ou dos custes de eventos que decidisen organizar. Case un ano despois a situación segue igual, parada, e por esa razón está previsto reunir o Consello de Participación nun encontro virtual para analizar unha primeira liña de axudas que o Concello está preparando co obxectivo de asegurarlles a aquelas entidades sen convenio anual unha contía para colaborar nos gastos ordinarios dos últimos meses e os que deban afrontar ao longo de 2021. Porén, antes de programar o encontro, Cultura ofreceralles ás directivas que o precisen un pequeno curso sobre como utilizar a plataforma de videoconferencias Zoom. As entidades deberán comunicar o seu interese contactando co técnico municipal no 616 332 919 ou mandándolle un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal.

O curso impartirao a aula da Rede CeMIT e para participar nel fará falla ter na casa ordenador, tableta ou teléfono con conexión a internet. Desde a aula daranse as indicacións necesarias para descargar o aplicativo e tamén para unirse a unha xuntanza virtual en Zoom, a plataforma de videoconferencias grupais con maior difusión na rede e seguramente unha das máis sinxelas de utilizar. Ata tal punto é así que desde a Rede CeMIT consideran suficiente unha hora de formación para aprender desde cero todo o que hai que saber sobre ela. Por iso, e para facilitar a participación de todas as entidades que o precisen, programaranse dúas sesións gratuítas.

O departamento de Cultura indica que é conveniente facer a preinscrición para saber cantas persoas das directivas precisarían facer o curso, recomendando ademais que haxa polo menos dúas persoas por cada asociación, o mesmo número de representantes que asiste habitualmente ao Consello de Participación Veciñal.

A previsión do Concello é poder convocar a asemblea deste órgano unha vez que se complete a formación. O principal asunto que ocupará a orde do día virtual será a análise da proposta de bases para unha primeira liña de subvencións municipais dirixida ás asociacións e clubes que non suscribisen convenio nominativo.

O borrador do texto propón destinar unha partida económica cunha contía aínda por determinar para compensar gastos correntes que tivesen ou  teñan que soportar as entidades desde a declaración do primeiro Estado de Alarma, en marzo de 2020,  até o 30 de novembro de 2021, último día previsto para xustificar as subvencións.

Barállanse varias epígrafes de conceptos subvencionables como serían, por exemplo, os gastos de funcionamento ordinario -telefonía, electricidade, limpeza, papelería, seguros…- ou os gastos efectuados na compra de material de prevención da COVID-19.

Outra convocatoria máis adiante
A finalidade desta liña de axudas é colaborar coas entidades levando á práctica algunhas das demandas expostas na xuntanza mantida co tecido asociativo antes do verán. Porén, o Concello non pecha a posibilidade de convocar máis adiante as subvencións para actividades de todos os anos, sempre e cando a situación sanitaria vaia clarificándose e haxa asociacións que aposten por volver poñer en marcha os seus programas.

Neste sentido, a xuntanza virtual do Consello de Participación Veciñal será tamén un foro no que cada colectivo explique cales son as súas necesidades neste momento e, sobre todo, cales son as previsións coas que afronta este 2021 no que, por agora, é moi cedo para facer plans.

Share.