O Concello reúnese hoxe co tecido produtivo local para falar das medidas anticrise

0

A Concellaría de Desenvolvemento local convocou un encontro na Casa da Cultura para esta tarde -18.30h.- ao que están chamadas persoas autónomas, pemes e negocios hostaleiros. O obxectivo da xuntanza é facer unha aproximación ás repercusións económicas da crise sanitaria no territorio e, a partir de aí, ver a maneira de colaborar na recuperación do tecido produtivo local. Trátase de diagnosticar a situación dos negocios, poñer en común ata que punto quedaron tocados polo Estado de Alarma -e polas restricións que haxa de agora en diante- e escoitar necesidades concretas de cada sector e propor accións específicas que axuden a superar o bache. 

Segundo comenta o titular da área, Manolo Varela, “os concellos teñen competencias moi limitadas en materia de promoción económica. Até agora as actuacións neste ámbito centráronse na información sobre convocatorias doutras Administracións, no asesoramento sobre o acceso a liñas de axuda e na posta en marcha de campañas e programas promocionais, pero non nas axudas directas. A COVID-19, ademais de provocar milleiros de mortes, meteunos nunha crise económica da que tardaremos en saír e para a que farán falla accións de apoio concretas”.

De acordo con este punto de partida, o Concello de San Sadurniño quere escoitar, en primeiro lugar, de que maneira incidiu a pandemia nos negocios e actividades profesionais, razón pola que se convocou a xuntanza desta tarde á que están chamadas persoas autónomas e titulares de negocios situados en San Sadurniño.

Se ben o Estado puxo en marcha medidas como os ERTE, as axudas directas para negocios que tiveran que pechar e moratorias no pagamento de cotas tributarias e á Seguridade Social, a situación “require medidas de apoio urxentes que reactiven a economía”, apunta Varela, “con actuacións municipais dentro das súas competencias” que sexan un reforzo das postas en marcha polo Estado e as que poidan impulsar a Xunta e maila Deputación da Coruña.

Neste sentido o Concello sopesa levar a cabo, entre outras,  “accións de dinamización para os distintos sectores”, como está sendo, por exemplo “San Sadurniño en flor”, que se dirixe a apoiar os pequenos viveiros de planta e a pequenos produtores do sector primario”. A definición desas accións será un dos eixos do encontro previsto para hoxe, no que Desenvolvemento local agarda que se acheguen “non só necesidades, senón tamén ideas sobre como cubrilas e compensar perdas dunha maneira novidosa”, explica Varela.

Os restaurantes locais volven á actividade
Os últimos negocios en abrir ao público foron os restaurantes locais. Se ben nos bares e cafetarías as reaperturas foron sucedéndose nas últimas semanas, no apartado de establecementos de comidas a cousa demorouse un pouco máis ante a imposibilidade de sosterse só coa atención en terraza e con aforos reducidos no interior.

Neste sentido, case todos os restaurantes locais están xa funcionando, aínda que coa súa capacidade adaptada á normativa que desde hoxe está en vigor, é dicir, coas terrazas a un 80% da súa capacidade e co interior limitado a un 75% do aforo, tanto en barra como en mesa.

Séguese recomendando reservar con antelación de cara a que poidan xestionar mellor o cupo preventivo. Desde hai uns días pódese xantar e/ou cear nos seguintes establecementos: Casa Casal (Igrexafeita), Os Cazadores (Santa Mariña do Monte), O Ferrador (San Sadurniño), A Granxa (San Sadurniño) e Riboira (Lamas). De momento segue pechado O Muíño do Pepe, en San Sadurniño.

 

Share.