O Concello retomará o 30 de xullo o programa cultural itinerante “Á xunta da noite”

0

A progresiva melloría da situación sanitaria -sexamos prudentes para que non empeore- levou ao Concello a reprogramar algúns dos eventos do verán que o ano pasado tiveron que suspenderse pola repunta da pandemia. O que quedou tronzado foi o “Á xunta da noite”, que non chegou a rematar o seu percorrido por todas as parroquias. Por esa razón, Cultura dediciu retomar as cinco citas que faltaban, comezando pola do venres 30 de xullo ao pé da igrexa parroquial de Santa Mariña -20.00h- e continuando os venres seguintes á mesma hora coas de Naraío -6 de agosto-, Silvalonga -13 de agosto-, Ferreira de abaixo -o 20- e o peche, o 27 de agosto, na área deportiva de Corrás, en San Sadurniño. Coma o ano pasado, “Á xunta da noite” levará a cada lugar música, maxia e humor ao aire libre, ademais do sorteo de vales para gastar no comercio ou na hostalaría de San Sadurniño. O aforo estará limitado a un máximo de 100 persoas cada venres, polo que non está de máis ir reservando xa as entradas chamando ou “whatsappeando” ao 616 332 919 ou enviando un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal. 

“Á xunta da noite” naceu o pasado verán como unha proposta alternativa e segura de gozar de distintos espectáculos culturais ao aire libre. Chegou a desenvolverse en Igrexafeita, Ferreira de arriba, o Camiño Arriba e Bardaos… e despois veu a ameaza dunha nova onda da pandemia e o Concello optou por anticiparse a ela interrompendo a programación, aínda co compromiso de volver recuperala cando as circunstancias o permitisen.

A situación en San Sadurniño é estable nestes momentos, despois de 14 días sen que a Xerencia da Área Sanitaria notificase novos contaxios. Con todo hai que prestarlle atención á evolución da pandemia e seguir poñendo os medios para mantela á raia, principalmente os relacionados coas interaccións sociais e coa hixiene respiratoria.

Ademais tamén se debe ter en conta que noutros lugares están producíndose incrementos notables dos contaxios e, por esta razón, cabería a posibilidade de que á volta de días ou semanas fosen necesarias novas medidas restritivas ou incluso ter que suspender eventos que levan tempo programados, como o propio “Á xunta da noite”. Crucemos os dedos para que non sexa así e, insistimos de novo, actuemos con responsabilidade.

O que ten preparado o Concello para o último venres de xullo e todos os de agosto é exactamente o mesmo que estaba previsto para o verán pasado, só que actualizando algúns espectáculos, e manténdolle a esencia de encontro veciñal seguro coa cultura que se fai no país. As citas e agrupacións/artistas convidadas a cada unha delas son as seguintes, que xa están dispoñibles no noso Google Calendar:

  • Venres 30 de xullo, 20.00h, Adro da igrexa de Santa Mariña do Monte: Escola municipal de Gaita, Mago Dani García e Regueifeiros de Galicia
  • Venres 6 de agosto, 20.00h, lugar da Bóla, Naraío (onde se celebra o Festival do Río Castro): As mozas das voltas, Mago Teto, Escola Municipal de Gaita e Escola Municipal de Pandeireta. Se chovese, os espectáculos trasladaríanse á pista polideportiva da Veiga baixo carpa.
  • Venres 13 de agosto, 20.00h, campo da Capela de Santiago de Silvalonga: Circus Magníficus, Isabel Risco e AC Berros do Castro
  • Venres 20 de agosto, 20.00h, explanada do Local social da Seara (Ferreira de abaixo): Asociación Cultural Brío, Mago Dani García e Escola Municipal de Pandeireta
  • Venres 27 de agosto, 20.00h, Área Recreativa de Corrás (San Sadurniño, ao pé da piscina): Escola Municipal de Pandeireta, Home orquestra “Cé Orquestra Pantasma” e Xoán Padín & Compañía.

Todos estes eventos desenvolveranse seguindo a normativa sanitaria que estea en vigor en cada momento. Porén, como norma xeral, en cada un deles só haberá dispoñibles 100 localidades e será obrigatorio reservar con antelación suficiente  chamando ao 616 332 919. Outra opción é enviar un whatsapp a ese mesmo número ou un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal

Se as previsións meteorolóxicas anunciasen auga, o Concello instalaría unha carpa. Ademais tamén haberá un posto para consumir ou petiscar algo á hora da cea a prezos populares.

Parte dos espectáculos programados corren por conta do Concello, mentres que outros están encadrados na Rede Cultural da Deputación da Coruña.

 

 

 

Share.