O Concello retoma o obradoiro “O tecido da memoria”, que xa ten aberto o prazo de inscrición

0

Seguro que lembrades que a finais do ano pasado tivemos na Casa do Concello unha exposición multidisciplinar encadrada no proxecto “Arte Ambulante” que nos trouxo a asociación de creadoras e creadores galegos A Colectiva. Ademais da exposición, tamén se desenvolveron varios obradoiros artísticos. Un deles, titulado “O tecido da memoria”, pospúxose para máis adiante co obxectivo de arredalo do Nadal. Agora volve retomarse coa idea de facelo durante dous venres do mes de abril, aínda que as datas non están pechadas por agora. Iso si, para poder ir organizando as sesións fai falla apuntarse xa no 981 490 027 ext.1 ou a través do correo veronica.rodriguez@sansadurnino.gal. Ofértanse 30 prazas divididas en dous grupos de 15 persoas.

O obradoiro será un exercicio de arte moderna e innovadora onde as persoas participantes non só asistirán ao proceso creativo, senón que tamén serán protagonistas. Del encargarase Melania Freire, experta fotógrafa e tamén experta en moda -en 2019 ganou o premio Mercedes-Benz Fashion Talent- que leva indagado moito sobre a relación que temos con algúns obxectos, especialmente con prendas de vestir que nos evocan vivencias e recordos, pero tamén a transmisión da nosa cultura entre xeracións.

A creadora comentaba nunha entrevista concedida a Vinte, que a súa serie “Panos herdados” marcou o inicio desa indagación sobre a relación entre persoas e prendas. Fotografou varias xeracións de distintas familias usando un pano herdado da xeración anterior e o resultado foi para ela “moi especial”, xa que segundo asegura na entrevista -que se pode ver no vídeo que encabeza esta nova- serviulle para descubrir que o pano “ten moita carga simbólica” descrito por Freire como “un elemento de represión da feminidade que se transforma a través da practicidade do rural”.  A deseñadora sinala que “hai mil formas de atalo que falan sobre a túa posición social, da túa propia personalidade. É un elemento de comunicación non verbal de moitas cousas: as mulleres novas que o levaban un pouco  para atrás, desvelando un pouco o pelo, como un acto de rebeldía… É algo que nos conecta. Dando talleres sobre o pano nos últimos anos recopilei fotografías de época de diferentes culturas e era algo moi similar”.

A actividade que impartirá en San Sadurniño afonda nese concepto. Iniciarase cunha breve introdución por parte da artista e concretarase a través dunha sesión fotográfica como método de captación e datación das ideas que xurdan neste achegamento.

Tomando como referencia unha prenda de roupa ou calquera obxecto que teña certo simbolismo para quen participe, desenvolverase a idea de xuntar en fotografías con estética de bodegón a persoas e pezas/obxectos, entendendo estes últimos como continentes da memoria.

Polo momento non hai datas fixadas para levar a cabo as sesións. Si se sabe que serán dúas con 15 participantes en cada unha e barállase a posibilidade de programalas para dous venres consecutivos do mes de abril. Cómpre inscribirse xa chamando ao 981 490 027 ext.1 ou no correo veronica.rodriguez@sansadurnino.gal.

Share.