O Concello redistribuirá o aparcamento do Centro Municipal de Empresas

0

Ao longo deste xoves 28 de abril está previsto levar a cabo o repintado do aparcamento da Escola Infantil Municipal e do Centro Municipal de Empresas de San Sadurniño. Os traballos non se ocuparán unicamente de volver trazar a sinalización horizontal, senón que se aproveitarán tamén para reconfigurar toda a área de estacionamento, que pasará de 30 a 40 prazas dispoñibles. O Concello cortará o acceso ao recinto hoxe á tardiña e prégalles ás persoas usuarias que retiren os seus vehículos antes da noite, co obxectivo de que a empresa encargada do contrato poida empezar mañá a primeira hora sen ningún atranco.

Á zona de aparcamento xa lle facía falla unha man de pintura e o Concello decidiu que, ademais de darlla, era bo momento para repensar a distribución das prazas dunha superficie que está ocupada case ao cento por cento polas mañás, cando é utilizada  por persoas usuarias da escola infantil, do centro de empresas, de Correos, do Concello e tamén pola clientela do café-bar del Palacio.

Neste momento hai 30 prazas dispoñibles, 20 delas para estacionar en paralelo repartidas polo perímetro da explanada e outras 10 nunha pequena illa de aparcamento en batería situada na zona superior, cerca de onde se encontran as dúas prazas azuis para persoas con mobilidade reducida.

O novo plantexamento eliminará todo o aparcamento en paralelo e substituirao por unha disposición en espiga (coas prazas en diagonal). O cambio elevará a capacidade até as 40 prazas e tamén mellorará a seguridade, posto que os vehículos deberán estacionar obrigatoriamente a ceacú, de modo que despois sairán de fronte e con mellor visibilidade para iniciar a marcha.

“Así que se pinte haberá que aparcar marcha atrás. É posible que nos primeiros días nos coste algo adaptarnos. Fai falla menos manobra e aprovéitase moito mellor o espazo, e segundo parece tamén é máis seguro”, explicaba esta mañá Secundino García.

O alcalde apuntou que ademais de repintar o aparcamento principal do consistorio tamén se lle encargou á empresa de sinalización que  cambie a configuración dos estacionamentos para persoas con mobilidade reducida da área recreativa da piscina.

Secundino García engade que o Concello tamén lle brindou á Xunta a posibilidade de pintarlle de balde o paso peonil da AC-862 situado na rotonda do Outeiro. Unha opción que o departamento autonómico de estradas rexeitou explicando que o paso de cebra se renovará cando rematen as obras de ampliación da estrada de Ortigueira.

 

Share.