O Concello recupera cerca de 93.000 euros cobrados por Abanca mediante un produto financieiro de alto risco

0

O Tribunal Supremo comunicou hai escasos días o seu fallo sobre o recurso do Concello para a casación das  sentenzas ditadas polo Xulgado de Primeira Instancia e pola  Audiencia Provincial da Coruña, relacionadas coa demanda presentada contra Abanca por mor da contratación en 2007 dun produto financieiro de alto risco asociado a un crédito de 300.000 euros. En 2012 o Concello cancelou o préstamo, pero Abanca -como herdeira do negocio de Caixa Galicia- seguiu cargando en conta os importes do produto, denominado tecnicamente “swap”. O Xulgado de Primeira Instancia nº 13 da Coruña déralle a razón ao consistorio en 2016 anulando o contrato e obrigando á entidade a volver as cantidades cobradas de maneira indebida desde 2009 -cerca de 62.000 euros máis os xuros-, mentres que a Audiencia Provincial limitou posteriormente esa devolución aos cargos efectuados despois de que o Concello cancelase o crédito. Agora o fallo do alto tribunal ponlle fin ao percorrido xudicial do asunto anulando a cláusula da “swap” desde o inicio. A sentenza  da casación volve incidir en que o Concello asinou o contrato sen dispor de suficientes coñecementos sobre a natureza do produto e lembra o deber e a responsabilidade da entidade bancaria de informar non só dos posibles beneficios do acordo, senón tamén dos seus riscos. En virtude do fallo do Tribunal Supremo -contra o que xa non caben máis apelacións- Abanca viuse obrigada a transferir hai uns días ás contas do Concello un total de 45.427 euros, a maiores dos 47.364,48 que xa ingresara a raíz da sentenza  ditada pola Audiencia Provincial en 2016.

Secundino García cualificou o fallo do Tribunal Supremo como “unha importante victoria da defensa do interese público”, habida conta de que, en total, o Concello “recuperou en dúas veces case 93.000 euros, que eran cartos públicos en mans da banca por medio dunha cláusula abusiva e especulativa”.

O alcalde engade que esta última sentenza “ponlle fin a case catro anos de pleitos por un asunto que arrancou ás portas das eleccións municipais de 2007”, cando o Concello -dirixido daquela polo Partido Popular-  suscribiu con Caixa Galicia un préstamo de 300.000 euros “que traía canda si un caramelo envenenado en forma de swap”.

O asunto, efectivamente, arranca en febreiro do 2007, cando o Concello iniciou un expediente administrativo para concertar un préstamo de 300.000 euros a 20 anos para financiar varios investimentos municipais. A adxudicataria foi Caixa Galicia cunha oferta que consistía nun préstamo a tipo variable que, na práctica, se convertería nun xuro fixo dun 4.40% por medio da suscrición dun anexo denominado “swap-cobertura de tipos”. No pleno do 29 de marzo dese ano o Partido Popular aprobou en solitario a contratación do préstamo cos informes favorables da Secretaría-Intervención municipal.

Porén, o que semellaba un seguro contra a subida dos tipos de xuro  non era exactamente iso, senón que, ademais do préstamo, o Concello tamén estaba contratando un produto financeiro complexo que nada tiña que ver cun seguro ou unha garantía. E é que o swap funcionaba da seguinte maneira: se os tipos continuaban subindo como o estaban facendo no momento de formalizar o contrato -principios de 2007-, o Concello podería beneficiarse do cobro dunha cantidade diferencial para que a conta se axustase ao 4.40% previsto. Do que ninguén avisou -nin o banco malia sabelo nin os servizos económicos municipais por descoñecemento- foi de que pasaría se os tipos de interese baixaban, como ocorreu de forma acusada a partir de 2009 cadrando co inicio da crise económica. Esa hipótese -que despois se confirmou na realidade- supuña que nun escenario de baixada do Euribor era o banco quen descontaba das contas municipais a cantidade compensatoria correspondente.

Así as cousas, desde 2007 ata inicios do 2009 o Concello foi pagando o préstamo ao tempo que recibiu nese período case 1.400 euros do swap. Pero a partir de marzo dese ano empezaron a vir liquidacións negativas que se irían acumulando ata que o goberno municipal, encabezado xa por Secundino García, optou por cancelar o crédito e deter a sangría de cartos que se estaba producindo nas arcas públicas.

Malia todo, en xuño de 2012 -momento no que se liquidou o préstamo- foi cando o Concello descubriu que cancelar o crédito non significaba cancelar o swap. O alcalde lembra que o seu equipo  tivo coñecemento da existencia do produto financieiro de alto risco a raíz dunha chamada telefónica de Caixa Galicia informando que a cancelación “tiña un custes de 56.000 euros”. “Ata ese momento -prosegue García- ninguén nos informara de que existía un Swap nin tampouco sobre o que supuña”.

Dúas sentenzas e dous fallos diferentes
O banco ofreceu daquela un acordo de cancelación anticipada cunha quita do 75% que suporía o desembolso de preto de 14.000 euros. Unha proposta que o executivo local non aceptou e razón pola que se iniciou o expediente de anulación do contrato do swap. A decisión  contou cun informe vinculante do Consello Consultivo de Galicia recomendando acudir á vía xudicial, algo que se fixo en 2015 por medio do gabinete Pérez-Lema Avogados, quen interpuxo en representación do Concello  unha demanda contra Abanca como herdeira do negocio de Caixa Galicia.

O Xulgado de Primeira Instancia nº 13 da Coruña deulle a razón ao Concello, que xa  levaba acumulado un saldo negativo por culpa do swap que ascendía a 63.337,04 euros. A sentenza sinalou que,  unha vez compensados os 1.380,19 euros percibidos ata marzo de 2009, Abanca debía volverlle ao Concello de San Sadurniño 61.956,85 euros máis os intereses.  O fallo tamén apuntou que  o banco non cumprira coa súa obriga de facilitar “información imparcial, clara e non enganosa”, de modo que o Concello puidese “comprender a natureza e os riscos do servizo” que se lle ofrecía para que a contratación do produto fose “plenamente informada”. A sentenza cualificaba o swap como “un produto financeiro complexo” e referíase ao Concello de San Sadurniño como “o perfil dun cliente minorista […] que en modo algún podía considerarse como un inversor profesional ao que debera presumírselle a experiencia, os coñecementos e a cualificación necesarios para tomar decisións de investimento e valorar correctamente os riscos”.

Porén, esa sentenza do Xulgado de Primeira Instancia era recorrible en apelación perante a Audiencia Provincial da Coruña quen, a finais de 2016, ditaminou dándolle parte da razón ao Concello e parte a Abanca. Ao consistorio recoñeceulle o dereito a que se lle devolvesen os custes do swap posteriores á cancelación do crédito (en outubro de 2012), pero mantívolle a Abanca o dereito a quedar cos cartos percibidos entre 2009 e 2012, ao entender que a Administración local dispuña de información suficiente para avaliar o risco ao que se expoñía suscribindo o crédito nas condicións en que o fixo. A raíz do fallo, Abanca ingresou nas contas municipais un total de 47.364,48€ en concepto de cantidades cobradas de forma indebida e intereses de 2012 en diante.

A sentenza non satisfixo nin os intereses de Abanca nin os do Concello, de maneira que en ambos casos se presentou recurso de casación no Tribunal Supremo. O banco esgrimiu, ademais, que a Audiencia Provincial incorrera nunha infracción procesal ao estimarlle ao consistorio pretensións que non formaban parte da demanda inicial. Pola súa banda, o Concello ratificábase na súa postura de reclamar o cobrado polo banco desde 2009 -e non desde 2012 como fallara a Audiencia Provincial- invocando para iso o Código Civil, a Lei Xeral de Defensa de Consumidores e a Lei de Condicións Xerais da Contratación pero, sobre todo, o feito de que a Audiencia Provincial se pronunciase en contra da xurisprudencia existente.

O Supremo dálle a razón ao Concello
O último capítulo de todos estes episodios xudiciais é precisamente o pronunciamento que fai  a Sala do Civil do Tribunal Supremo fallando en favor do Concello de San Sadurniño. A sentenza do alto tribunal datada o 19 de novembro é coincidente coa que xa ofrecera o Xulgado de Primeira Instancia, no sentido de que o contrato do préstamo suscrito con Caixa Galicia en 2007 se fixera sen informar debidamente ao consistorio.

Citando xurisprudencia ao respecto, o Supremo explica que ese deber, o de informar, “é unha obriga activa” e non de “mera dispoñibilidade” por estar recollida no texto do contrato. O tribunal engade que “para coñecer a natureza, as características e riscos dos swaps” o Concello e o seu persoal técnico deberían ter “a formación propia dun profesional do mercado de valores ou, polo menos, a dun cliente experimentado neste tipo de produtos complexos”.

A Sala do Civil do TS di tamén que Caixa Galicia debería ter informado “de forma clara” que o swap podía ser un negocio “ruinoso”  e sobre o feito de que a súa cancelación tiña custes asociados. A sentenza de casación confirma, polo tanto, a nulidade do contrato do swap desde o 2007 e por este mesmo motivo xa nin sequera entra a valorar a casación solicitada por Abanca.

A raíz deste fallo xudicial, a entidade bancaria xa lle ingresou ao Concello 45.427 euros en concepto de contías do swap cobradas indebidamente máis os intereses correspondentes.  Unha cantidade que se suma aos 47.364,48 euros percibidos trala sentenza do 2016 pronunciada pola Audiencia Provincial, o que eleva a devolución a un montante total de 92.791,48 euros.

Tal e como explica Secundino García, a sentenza do alto tribunal “ponlle fin a un longo camiño que agora poden iniciar outras administracións que, se cadra, tiveron o mesmo problema que nós. A sentenza é importante xa que xera xurisprudencia unificada con respecto ás demandas relacionadas con produtos financeiros tóxicos. É unha victoria de San Sadurniño que pode beneficiar a moitos outros concellos”.

Share.