O Concello recolle 22 solicitudes de praza para o próximo curso da Escola Infantil Municipal

0

O departamento de Igualdade acaba de publicar a lista provisional de admisións para o curso 2016-2017 da Escola Infantil Municipal A Rolada. En total rexistráronse 22 solicitudes que foron admitidas na súa totalidade. Todas foron peticións de reserva de praza e de novo ingreso para as unidades de un a dous anos e de dous a tres. A maioría delas provenientes de familias de San Sadurniño, aínda que tamén as hai doutras zonas da comarca que elixiron A Rolada como primeira opción por razóns de calidade e facilidade para conciliar ou ben por non dispor de praza no seu concello de residencia.

A escola infantil de San Sadurniño ten capacidade para educar a 38 nenos e nenas distribuídos en tres unidades: a de 0 a 1 ano con oito prazas, a de 1 a 2 anos -onde se ofertan 13 prazas- a de 2 a 3 anos, que pode atender a 17 menores xusto antes de que pasen ao <em>cole de maiores</em>. De cara ao curso que vén rexistráronse un total de 22 solicitudes nos dous periodos habilitados polo Concello hai unhas semanas, un inicial para reserva de praza dirixido a familias que xa teñen os seus nenos e nenas escolarizadas no centro e outro posterior para novas incorporacións no caso de que houbese vacantes.

Por idade as solicitudes presentadas -e admitidas na súa totalidade- supoñen que a escola contará con 9 crianzas na unidade de un a dous anos e 13 na de dous a tres. Para a unidade inicial, a de tres meses a un ano, non houbo ningunha petición.

Pola procedencia do alumnado, de San Sadurniño haberá 13 nenos e nenas, mentres que o resto son de familias empadroadas en Cerdido, As Somozas, Valdoviño, Neda, Narón e Ferrol. Lugares que nuns casos non dispoñen deste servizo público -xa sexa municipal ou de titulariedade autonómica- e que, noutros, non teñen oferta de prazas suficientes para cubrir a demanda. De feito, a metade das novas incorporacións para o curso 2016-17 correspóndese con solicitudes de fóra de San Sadurniño. Unha posibilidade prevista no regulamento pero sempre condicionada a que existan vacantes, posto que son as familias empadroadas en San Sadurniño as que teñen prioridade no acceso ao servizo.

Deste xeito, a Escola Infantil Municipal A Rolada aínda ten capacidade para acoller ata 17 nenos e nenas máis fóra de prazo: 8 na unidade inicial, 4 na de un a dous anos e 4 na de dous a tres. As familias que, a partir de agora, queiran escolarizar un meniño ou meniña poden presentar en calquera momento as solicitudes no rexistro municipal, que serán atendidas ata completar as vacantes. A este respecto cómpre ter en conta que o regulamento marca unha reserva obrigatoria do 5 por cento do total da capacidade do centro para ingresos urxentes, como pode ser o caso de menores tutelados pola Xunta, fillos e fillas de mulleres que se atopen en casas de acollida ou que sexan vítimas de violencia de xénero ou aqueloutros casos en que concorran circunstancias socioeconómcias ou familiares que requiran unha intervención inmediata.

A relación provisional de alumnado admitido dentro dos dous prazos de solicitude ordinarios permanecerá exposta ata o 18 de maio. Se non hai novidade elevarase a definitiva e, a partir dese momento, as familias serán notificadas indicándolles os servizos concedidos e o importe das taxas correspondentes aos mesmos. Desde a recepción da notificación disporán dun prazo de 15 días naturais para confirmaren a praza e formalizar a matrícula no departamento de Igualdade do Concello.

Documentación relacionada:
Resolución provisional de admisións
Regulamento da EIM

Share.