O Concello recibe sete solicitudes de espazo para o Centro Municipal de Empresas

0

Este mércores finalizou o prazo para solicitar unha oficina no novo centro empresarial de San Sadurniño. O rexistro municipal recibiu polo momento 7 peticións, á espera de que puidera chegar algunha máis por correo. O perfil de negocio é variado, xa que entre as solicitudes se conta unha empresa de electricidade, outra de construción, unha asesoría/xestoría administrativa, un bufete de avogacía, unha firma de enxeñaría especializada en peritaxes, outra en logopedia e unha dedicada ao mantemento de drones e á prestación de servizos aéreos. Trala recepción das solicitudes o Concello deberá avalialas agora unha por unha para ver que se axusten ao regulamento, puntualas e  facer a proposta provisional de distribución dos espazos de acordo coa puntuación obtida e as preferencias especificadas. Tan pronto como finalice este proceso publicarase a correspondente resolución coas asignacións de oficinas.  

O edificio -con 250 m² de espazo útil- posúe 13 locais con distintas medidas, que van desde os 8,50m² das cinco oficinas máis pequenas aos case 30m² da máis grande, situada fronte ao aparcadoiro, aínda que algo máis da metade delas están entre os  11 e os cerca de 22 metros. O prezo por metro fixouse en 5,83 euros, de maneira que aos espazos máis pequenos se pode acceder por un prezo inferior aos 50 euros mensuais mentres que os dun tamaño medio andan nos 90. A taxa leva incluída a subministración eléctrica, o acceso básico a internet, o asesoramento técnico en materia de axudas e subvencións, a calefacción, a xestión de resíduos, a limpeza dos espazos comúns, a caixa de correos e a utilización gratuíta da sala de xuntanzas.

Con estas condicións foron un total de sete firmas as que pediron un espazo dentro do primeiro prazo de distribución marcado polo Concello. De acordo coas propostas empresariais presentadas -e sempre que cumpran os requisitos- o centro acollerá en breve servizos ben variados, entre os que destacan por novidosos os ofrecidos por unha empresa de logopedia ou os dunha firma especializada en RPA’s, os coñecidos comunmente como drones. Outras propostas que tamén solicitaron oficinas atenderán ámbitos como o da asesoría e xestoría administrativa, a avogacía, a construción, as instalacións eléctricas e a enxeñaría e peritaxe catastral. En total estímase que estas actividades sustentarán no centro arredor dunha ducia de postos de traballo máis os que sexan capaces de manter ou xerar a través das súas respectivas liñas de negocio.

Agora a comisión avaliadora formada por persoal técnico municipal terá que revisar as solicitudes e emitir un informe coa puntuación obtida segundo os criterios establecidos no regulamento do centro. A partir deste informe farase a proposta  de asignación dos espazos  e abrirá un prazo de alegacións. Se as houber o Concello deberá resolvelas e, posteriormente, publicar o listado definitivo xunto coa indicación do período en que cada empresa deberá facer efectiva a ocupación das oficinas asignadas.

Ao remate de todo o proceso -e cumprido o prazo dado para ocupar os espazos- o Concello saberá cantas oficinas quedarán libres para negocios que queiran asentarse no futuro. De momento hai seis oficinas dispoñibles que se poderán solicitar en calquera momento ata completar a oferta de espazos do edificio. As condicións tamén serán as mesmas: 5,83 €/m²  e un período inicial de 2 anos prorrogables despois automaticamente se as dúas partes -empresa e Concello- están de acordo.

Servizos para emprendemento xuvenil e para entidades
De acordo co regulamento deste novo servizo impulsado polo Concello, o obxectivo do centro é apoiar o emprendemento e a xeración de emprego local, ben con iniciativas xurdidas en San Sadurniño ou con outras que se queiran asentar aquí, propiciando ademais que o recinto actúe como potenciador de sinerxias e relacións entre as empresas que o ocupen. A este respecto tamén se prevé colaborar coa xente moza que queira desenvolver un proxecto empresarial. Para iso ofértanselle durante seis meses e sen custe tanto un espazo no centro como o resto dos servizos, ademais de mobiliario e un ordenador.

Porén, o Centro Municipal de Empresas tamén lle ofrece servizos a empresas e entidades sen fins de lucro sen necesidade de ocupar  oficina. Neste sentido, a normativa contempla o uso das instalacións como domicilio social -incluída unha caixa de correo- por 20 euros anuais, así como a posibilidade de alugar puntualmente a sala de xuntanzas.

Documentación descargable:
Regulamento de usos e de asignación de espazos
Ordenanza reguladora dos usos e taxas do Centro Municipal de Empresas
Solicitude de espazos (.doc) (.pdf)
Solicitude para domiciliar a sede sen ocupación de espazo (.doc) (.pdf)
Solicitude de uso puntual das instalacións (.doc) (.pdf)

Share.