O Concello reafírmase no seu compromiso en favor da igualdade e #contraasviolencias

0

San Sadurniño foi un dos concellos galegos máis madrugadores na lectura do manifesto en contra da violencia machista suscrito o venres en Lugo por case 140 municipios galegos e as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra. O recibidor da casa consistorial acolleu ás 9.30h. a declaración institucional con participación de persoal municipal e tamén de representantes do BNG e do PP, mentres que o único edil do PSOE escusou a súa ausencia ao tempo que, igual que os demais partidos, ratificou o contido dun texto que volve insistir na gravedade deste problema social e na necesidade dun compromiso decidido de Estado, Xunta e concellos para acabar con el. Trala lectura do manifesto lanzouse o vídeo “Fotocotías”, elaborado con fotografías e lemas creados pola rapazada de 3º e 4º ESO do CPI. 

A peza, duns tres minutos de duración, mostra unha mocidade concienciada coa igualdade e comprometida coa erradicación de todas as violencias por razón de xénero. A idea  era simple: mostrarlles ás mozas e mozos de que maneira se usan as redes para acosar e exercer violencias e, a partir de aí, provocar neles e nelas unha reacción creativa para sementar nesas mesmas redes mensaxes positivas, sensibilizadoras e concienciadoras.

O labor de dinamización fíxose en dous obradoiros do proxecto “Fotocotías” impartido por Casa Morada S.C. A última parte consistiu en redactar lemas e trasladalos a fotografías coa idea de que a mocidade as faga circular polas súas redes sociais, principalmente o Instagram. “Nin santas, nin putas, somos mulleres”, “Mellor soa que mal acompañada”, “O meu corpo non quere a túa opinión”, “Non sexas cómplice”, “Poderédesme romper a man, pero non a voz”, “Volveu sorrir cando conseguiu fuxir”, “Control tamén é violencia”… son só algunhas das 31 frases inscritas en fotografías de grande potencia visual.

A área de Igualdade e Casa Morada condensáronas todas nun vídeo que xa está dispoñible en youtube, en facebook e no blog “O talento silenciado” creado polo alumnado do centro de ensino. A súa publicación coincide neste 25-N coa lectura da declaración institucional que fixeron súa os 138 municipios galegos implicados este ano na campaña #ennegrocontraasviolencias. Unha campaña que tamén ten unha importante compoñente de participación social. De feito, aquí en San Sadurniño os locais hostaleiros e comerciais contribuíron á difusión da mensaxe lucindo os mandís negros da campaña e en practicamente todos figura o distintivo de “Espazo libre de violencias machistas”.

O Concello recibiu como material de difusión tanto os mandís como un cargamento de pulseiras de tea que se poden recoller de balde no rexistro municipal ata que se esgoten as existencias.

 

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL

“A violencia de xénero é e foi ao longo da historia unha importante problemática e lacra social, que levou por diante moitas vidas e que arruinou outras tantas. É un problema de primeira orde, contrario aos Dereitos Humanos e que a escala mundial representa un auténtico xenocidio.

A violencia machista ten sido dende sempre minimizada, ocultada e invisibilizada, e os avances que temos dado responden á capacidade transformadora do feminismo e dos movementos de mulleres de Galiza e de todo o mundo. Froito diso son as mobilizacións históricas que dan conta da fartura diante desta situación que é insostible.

Este ano en Galiza producíronse 5 asasinatos por violencia machista e no Estado Español foron 90 as mulleres asasinadas, ademais das 3 crianzas que perderon a súa vida nas mans dos seus proxenitores. Dende o ano 2003, ano no que se comezaron a contabilizar os asasinatos machistas, suman un total de 1076 mulleres as que lles foron arrebatadas as súas vidas.

En Galiza hai mais de 3.500 casos activos de seguimento e protección a vítimas de violencia machista, cifra máis que preocupante. Vendo estes datos, queda máis que patente que algo se está facendo mal nesta sociedade e que  todas e todos temos a obriga de buscar a maneira de atallar e erradicar esta situación.

Cómpre tamén facer mención da gravidade das violacións e agresións sexuais na nosa sociedade (casos como o das manadas) da insuficiencia de recursos de intervención e atención, así como dunha xustiza que non está a empatizar coas vítimas.

Por todo isto, debe ser un tema a ter en conta en todas as axendas políticas, tanto a nivel estatal, autonómico e municipal.

Cómpre recordar, ademais, que o Estado Español ten a obriga de cumprir co Convenio de Estambul e tamén co establecido no Pacto de Estado, que prometía avanzar nunha definición de violencia machista que supere o enfoque patriarcal e reducionista que a limita ao ámbito familiar e de parella.

Dende a Xunta de Galicia tamén cómpre que se incrementen os recursos económicos destinados a loitar contra a violencia de xénero para así poder dotar de suficientes recursos á prevención e ao tratamento integral da violencia de xénero. Faise necesario tamén impulsar iniciativas no campo da prevención e sensibilización da mocidade e desenvolver as actuacións necesarias para incorporar contidos coeducativos transversais de superación da dominación sexual en todas as fases educativas.

Así mesmo, dende a Corporación Municipal do Concello de San Sadurniño seguiremos mantendo un firme compromiso coa igualdade, cos dereitos das mulleres e coa erradicación de calquera tipo de violencia contra as mulleres, comprometémonos a seguir traballando na loita contra a violencia machista coa realización de xornadas específicas, traballando neste eido dende a Mesa Local de Coordinación Contra a Violencia de Xénero, impartindo obradoiros de sensibilización…

“As veces tes que esquecer o que sentes e recordar o que mereces” (Frida Kahlo)

San Sadurniño, 25 de novembro do 2019″

Share.