O Concello publica un bando coa entrada en vigor das medidas por mor do coronavirus

0

O Goberno local avanzou xa onte á noite a batería de recomendacións e medidas que se ían adoptar en todo o territorio municipal co obxectivo de minizar a posibilidade de contaxios do coronavirus. Péchase desde o luns a escola infantil A Rolada, clausúranse tamén os espazos socioculturais e instalacións deportivas e suspéndense todas as actividades programadas polos distintos departamentos. Medidas que coinciden coas publicadas pola Xunta no Diario Oficial de Galicia e que se manterán durante alomenos 15 días, aínda que poderán prorrogarse se a situación epidemiolóxica e as directrices das autoridades sanitarias competentes así o indican. Esta mesma mañá déuselles a todas elas forma de bando que xa se empezou a distribuír polo municipio. Ademais, o Concello tamén fará chegar a todas as casas a información básica que cómpre ter en conta e, ao mesmo tempo, pídelle á veciñanza que non acuda ás oficinas municipais a menos que sexa estrictamente necesario e que as consultas ou trámites sinxelos se fagan chamando ao 981 490 027 ou a través da sede electrónica.

A primeira medida adoptada é a suspensión  de todas as actividades culturais, educativas, e deportivas organizadas polo Concello, ademais de aqueloutras organizadas por entidades e particulares nas instalacións municipais, como serían cursos ou obradoiros.

No bando, o Concello detalla a información publicada xa onte á noite na web ao respecto dos programas que se interrompen e servizos que pechan durante as próximas dúas semanas, a expensas de como evolucione a situación e do que decidan as autoridades sanitarias durante ese tempo:

  • Peche temporal da Escola Infantil Municipal A Rolada, desde o luns 16 de marzo.
  • Peche temporal da Casa da Cultura -incluída a biblioteca municipal e a Aula CeMIT-, do Ximnasio municipal, da Casa da Xuventude, do Pavillón municipal e da área deportiva dos Currás: quedan suspendidas, polo tanto, todas as actividades que se desenvolven habitualmente nestes espazos, tanto as organizadas polo Concello coma por entidades e particulares.
  • Interrupción de toda a programación municipal de eventos, especialmente as actividades que teñen aberto neste momento o prazo de inscrición, en previsión de que se deban pospoñer, como por exemplo a Feira da Plantación, os cursos de apicultura e fruticultura, o programa Tempos para compartir ou o obradoiro “O tecido da memoria”, entre outros.
  • Interrupción das escolas culturais e deportivas, ademais dos obradoiros de memoria activa, as sesións de ximnasia de mantemento e tamén os cursos itinerantes da Aula CeMIT.

Desde o Concello recoméndaselles ás entidades veciñais do municipio que, mentres estean en vigor as medidas sanitarias excepcionais, suspendan todas aquelas actividades que teñan programadas.

En canto ao día a día da actividade municipal, o Executivo local reuniuse ao longo desta mañá co persoal e tamén convocou aos portavoces dos grupos políticos de cara a informar sobre todas estas medidas, que son unha adaptación das aprobadas onte mesmo polo Consello da Xunta. Os encontros tiveron tamén como finalidade coordinar cuestións referidas ao funcionamento da administración local. Así, mentres se manteña esta situación, os plenos municipais celebraranse a porta pechada -o próximo tócalle o xoves 26 de marzo- e incidiuse en que servizos esenciais como a recollida do lixo ou o Servizo de Axuda no Fogar funcionarán con normalidade, aínda que redobrando as precaucións para evitar contaxios en calquera sentido. Na mesma liña tamén se abordaron co persoal municipal cuestións como a flexibilidade horaria por motivos de conciliación ou, se for preciso, o teletraballo naqueles postos que poidan desempeñar as súas funcións de forma remota.

En relación coa atención ao público, o Concello pídelle á veciñanza que non acuda ás oficinas municipais a menos que sexa estrictamente necesario. En vez diso recoméndase e insístese unha vez máis en que calquera consulta ou comunicación se faga chamando ao 981 490 027. Para solicitudes e o rexistro de documentos aconséllase como vía alternativa usar a Sede Electrónica.

Por último, o Concello recorda que toda a información sobre a evolución do coronavirus debe recollerse en fontes oficiais, como é a web do Ministerio de Sanidade e a do SERGAS. Ademais tamén cómpre atenderlle a outras medidas publicadas pola Xunta no Diario Oficial de Galicia e seguir fielmente as recomendacións facilitadas polas autoridades sanitarias co obxectivo de previr contaxios. Porén, o principal consello é manter a calma, actuar con responsabilidade e con sentido común.

 

20200303_Infografia_galego

Share.