O Concello proxecta unha pequena área de servizo para autocaravanas ao pé da horta de froiteiras

0

O turismo en caravana está vivindo nos últimos anos unha auténtica explosión. Hai unhas décadas era a xente do centro e do norte de Europa quen se achegaba a nós nos seus furgóns ou incluso camións acondicionados como vivenda, pero agora tamén aquí está medrando a afección por un tipo de turismo que ofrece comodidade e maior liberdade á hora de programar unha viaxe. No parque estatal hai arredor de 52.000 autocaravanas, segundo os datos que manexa a ASEICAR, principal asociación de empresas fabricantes e comercializadoras, e as cifras de venda están medrando ano a ano a un ritmo próximo ao 30%. Unha tendencia que está levando a algúns concellos a dotarse de servizos para atender as súas necesidades. San Sadurniño é un deles e por iso acaba de deseñar un proxecto para acondicionar un pequeno espazo na Cortiña como área de estacionamento. O investimento previsto anda nos 11.000 euros, que a Administración local agarda sufragar cunha axuda de Turismo de Galicia. 

O espazo que se proxecta construír terá unha superficie de 325 m². Deste total resérvanse 205 metros como zona de manobra e 120 para a propia área de servizo, que terá capacidade para dúas autocaravanas estacionadas en paralelo. No medio quedaralles unha illa onde disporán de auga potable, papeleiras e unha arqueta hermética para augas negras. Ademais, debaixo de cada posto tamén quedará un sumidoiro para augas grises e para os wc químicos que adoitan levar este tipo de vehículos. De feito, o deseño dos espazos leva unha lixeira pendente a catro augas que facilita o baldeo.

Como emprazamento elixiuse a parte traseira dos alpendres da horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos, xusto ao pé da caseta de Electra del Narahío S.A. As razóns da elección son dúas: por unha banda aprovéitase a infraestrutura de saneamento e abastecemento coa que xa contan as dependencias da horta e, por outra, ofrécese un lugar tranquilo e chan a escasos metros da estrada de Ortigueira, punto de paso case obrigado para quen percorre o norte da provincia.

Tal e como comenta o responsable da área de Turismo, Manolo Varela, o proxecto “responde a unha petición feita no proceso do orzamento participativo de 2017” que o Concello acolleu como propia “ante o aumento do tráfico de caravanas que se detecta nos últimos tempos pola nosa comarca  durante a primavera e o verán”.

Os datos están aí: en 2018 matriculáronse en todo o Estado 7.046 autocaravanas -8.875 se lles sumamos as caravanas-, case un 22% máis que en 2017 e un 445% máis que en 2013, cando a fabricación e venda tocou fondo en España por mor da crise económica. Os datos proveñen de ASEICAR, a asociación máis representativa do sector, quen aseguran que o “caravaning” está medrando máis aquí que en calquera outro país de Europa.

As matriculacións increméntanse gracias á compra de particulares e tamén de empresas especializadas en alugar estes vehículos. O tirón responde a un cambio nos hábitos viaxeiros con moita implantación dos Pirineos para arriba, pero que aquí non conseguía despegar e, polo tanto, tampouco contaba con infraestrutura de apoio máis aló da que ofrecen os cámpings. Sirva como exemplo que -segundo datos da web Campercontact– Francia conta con máis de 6.700 áreas de servizo para autocaravanas xeolocalizadas neste portal especializado, Alemaña con 5.300 e Italia arredor de 4.500. Atendendo á mesma web, en España puxéronse en marcha no último ano máis de 300 novas áreas e o número sitúase en 1.673.

“O turismo en caravana e autocaravana medra e medra moito”, asegura Manolo Varela. O concelleiro engade que a nova área de servizo da Cortiña “virá sumarse ao mapa de equipamentos deste tipo que hai na provincia, aínda que na nosa zona está moi concentrado nas zonas costeiras. Que eu saiba hai dúas áreas de servizo en Ferrol, unha delas en Doniños, outra no Río do Pozo, outra en San Mateo dentro da gasolineira da Cooperativa de Meirás, a do cámping de Valdoviño e a da praia de Pantín. Despois tamén hai outra nas Somozas, pero xa queda moi a desmán do itinerario máis turístico do norte da Coruña”.

A área quedará ao carón das casetas da horta e a escasos metros da AC-862

A área quedará ao carón das casetas da horta e a escasos metros da AC-862

Varela comenta, ademais, que o novo estacionamento que se construirá en San Sadurniño “ten posibilidades de medrar no futuro se vemos que hai demanda”. O edil destaca que estas áreas están pensadas para facer paradas de servizo, pero tamén de descanso. “O habitual é que se deteñan para repoñer auga, limpar aseos e pernoctar. O perfil das persoas que viaxan en autocaravana é dun poder adquisitivo medio alto que busca lugares tranquilos para facer parada e fonda. A Cortiña é un sitio ideal para iso, xa que está relativamente afastado de ruídos, ten o paseo fluvial a un paso e tamén conta con outros servizos moi cerca: pan fresco, un supermercado e dúas tendas de ultramarinos, bares e dous restaurantes en plena natureza como son A Granxa ou O Muíño do Pepe. E non só iso, senón que tamén se poden facer pequenas rutas ambientais e patrimoniais axustadas en duración e en distancias ao que busca a xente que anda en autocaravana”.

O importe total do proxecto ascende a 11.120 euros e para levalo adiante, o Concello solicitou a convocatoria anual que lanza a Dirección Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, a mesma coa que o ano pasado se acondicionou o acceso ao Pico de Ferreira e se renovou parte da sinalización turística do territorio.

 

Share.