O Concello presenta varias alegacións ao trazado da VAP

0

Este mércores 30 de xuño ás 23.59h finalizou o prazo para presentar alegacións ao proxecto do trazado da Vía de Altas Prestacións da Costa Norte no tramo comprendido entre a AG-64 e a Sanguiñeira. Nas últimas semanas foron varias as persoas que acudiron á oficina de información aberta polo Concello para coñecer en que medida se verían afectadas as súas propiedades polo deseño desta infraestrutura e, parte delas, solicitaron cambios nos planos ou que se contemplasen melloras para minimizar o seu impacto. O Concello tamén presentou onte as súas, referidas ás afeccións sobre o abastecemento municipal, á petición dun estudo riguroso por parte da AXI sobre a incidencia nos recursos hídricos en todo o trazado e á petición de que as obras, no caso de chegarse a facer, se aproveiten para instalar conducións da subministración e tamén do saneamento. Ademais, o Goberno local tamén se reuníu hai uns días cos propietarios e propietarias de vivendas e instalacións sobre as que o actual deseño da VAP tería unha alta incidencia.

Por este motivo, canda ao escrito de alegacións incluiuse un informe técnico encargado polo Concello que advirte da proximidade de 5 vivendas: unha preto da Portela, dúas en Vilafiúnce e, sobre todo, outras dúas situadas no Camiño Arriba (ademais dun hórreo que sería derrubado) que quedarían desprotexidas ante o ruído e posibles corrementos dos noiros de desmonte, ademais da contaminación sonora e ambiental que se produciría durante as obras.

Nestes casos o Concello insta á AXI a que se modifique o proxecto para alcanzar unha maior separación ou que se garanta a seguridade mediante a construción de muros de contención axeitados. Tamén se apuntan incidencias ao respecto de como quedarían os accesos á estrada provincial desde as vivendas da zona da Pernuda e sinálase como evitable ter que derrubar un invernadoiro situado en Vilela, sempre e cando se reforcen debidamente os laterais da vía.

“Queremos salientar que o desenvolvemento do proxecto, tal e como está deseñado, causaría unha perda de valor de varias vivendas situadas nas proximidades á vía, e poñería en serio perigo a viabilidade dun par de explotacións, que son moi dependentes da superficie agraria. Por estes motivos, coidamos que o proxecto debe refacerse, de cara a incluír medidas compensatorias ou alternativas para dar solución ás persoas e empresas afectadas” incide o escrito de alegacións.

O informe pon o acento nos problemas detectados no proxecto e, ao mesmo tempo, tamén achega solucións alternativas, como por exemplo construcións de muros de contención, a colocación de paneis de reducción sonora ou a minimización do impacto paisaxístico por medio da reforestación das súas marxes con especies arbustivas ou arbóreas autóctonas de crecemento rápido.

Ademais destas cuestións, o Concello tamén lle recorda á AXI no escrito de alegacións que tanto neste como nos anteriores proxectos da Vía de Alta Capacidade -2009, 2011 e 2016- o trazado terá unha “afectación directa nas captacións de auga do abastecemento municipal”. De feito, nas anteriores ocasións en que os distintos percorridos se expuxeron ao público o consistorio informou das afeccións sobre as captacións soterradas de Portolamas, o Albeiro e o Aceiteiro, propoñéndolle á Xunta que se estudase “en profundidade” a incidencia sobre o abastecemento municipal e que se deseñase un sistema “compatible co trazado da VAC da Costa Norte”, cuantificado xa en 2011 en preto de 250.000 euros.

Ningunha daquelas alegacións tivo resposta por parte do departamento autonómico de Infraestruturas, que neste cuarto proxecto volve obviar as demandas municipais. “O abastecemento de auga é un servizo municipal de extremada importancia, que o actual proxecto da VAC non o ten en conta, e polo tanto, consideramos que para que se leve a cabo terá que incluír, obrigatoriamente, unha solución acaída ás necesidades municipais”. En relación con esta cuestión, o escrito rexistrado polo Concello tamén se refire ás posibles repercusións sobre os mananciais de domicilios e explotacións que, segundo se solicita, o proxecto debe solventar partindo da elaboración dun “estudo rigoroso de afectación aos recursos hídricos das zonas afectadas e colindantes”.

Ademais, desde o Concello suxírese que unha actuación como a vía de altas prestacións “que incide fortemente no territorio”, debería servir, segundo o consistorio, para “cometidos complementarios”. A proposta municipal -tamén expresada en anos anteriores- apunta a que se aproveite o trazado para engadir canalizacións do saneamento que conecten coa EDAR municipal as vivendas da zona norte de Lamas e outros núcleos a un e outro lado do val do Aceiteiro.

Como remate do listado de alegacións municipais, o Concello de San Sadurniño ponse á disposición da Axencia Galega de Infraestruturas “para debater e concretar as medidas compensatorias ou alternativas que fosen precisas de cara a adaptar o proxecto definitivo ás necesidades das persoas e empresas afectadas, incluído o propio Concello”.

Share.