O Concello programa para abril varias charlas sobre como xestionar mellor os montes

0

Estes días está chegando ás casas unha edición especial do boletín informativo Novas no que se anuncia a campaña de trampeo contra da velutina e tamén a programación de oito charlas sobre como xestionar mellor os montes. Estas últimas terán lugar nos locais sociais das parroquias a partir do 19 de abril e con elas o Concello pretende incentivar o asociacionismo forestal -ou calquera outra fórmula de colaboración entre persoas propietarias- de cara a incrementar a produtividade dos montes de distintas maneiras, como a planificación conxunta de plantacións e o aproveitamento de recursos complementarios, principalmente os gandeiros e os micolóxicos. Desde a área de Desenvolvemento local agárdase que as charlas sirvan de caldo de cultivo para novas experiencias neste ámbito, xa sexan formais ou informais, ás que o Concello lles podería brindar asesoramento técnico se existe demanda. 

O forestal é un sector clave na economía de San Sadurniño, e por extensión de toda Galicia. Porén, igual que na maior parte do territorio galego, o monte tamén sofre os problemas comúns da escasa dimensión das parcelas, do abandono de moitas delas, da avanzada idade media das persoas propietarias, do monocultivo con especies que poden ou non ser axeitadas para un terreo determinado, etc.

O 65,7% do territorio municipal son parcelas de monte. Arredor 6.500 hectáreas divididas en moitísimas propiedades. De feito, San Sadurniño caracterízase polo minifundio forestal xa que, salvo excepcións, a superficie media non chega aos 10 ferradosO reducido tamaño das propiedades é un dos factores que dificulta a viabilidade económica dos nosos montesPorén, existen alternativas que poden mudar esta situación, como pode ser a xestión conxunta de cara a producir máis e mellor madeira e produtos complementarios, á vez que se reducen os custos e se mellora a rendibilidade.

E xestionar conxuntamente non significa necesariamente renunciar á propiedade, senón unir forzas para ordenar o monte en plantacións maiores que produzan todas ao mesmo tempo, que estean adaptadas a cada zona, con mellores infraestruturas, mellor protexidas do lume e, por suposto, que nos dean máis cartos.

Existen xa varias asociacións comarcais centradas na negociación do prezo de venda da madeira. Porén, na información que enviou o Concello ás casas lánzase unha pregunta para a reflexión: se nos xuntamos para vender madeira…¿por que non unirnos tamén para producila?. “A pregunta pretende que a xente pense niso, na unión como maneira de que o monte produza aínda máis riqueza e dunha forma sustentable”, explica o responsable de Desenvolvemento local, Manolo Varela.  O edil engade que esa unión “pode materializarse a través dunha fórmula asociativa ou simplemente con que tres, catro ou cinco persoas propietarias colindantes se senten a falar e cheguen a un acordo sobre que plantar e como facelo. En último caso do que se trata é de que o monte produza máis e mellor”. 

Segundo Varela, o monte é unha “riqueza estratéxica” que, ademais, debe terse en conta como “unha oportunidade de futuro na que pode e debe implicarse tamén a xente nova. Dun monte ordenado, ben dimensionado e con aproveitamentos complementarios poden vivir varias familias”. O concelleiro refírese tamén aos recursos forestais como xeradores de empregos directos e indirectos: “un monte xestionado como é debido tamén chama polo emprego, xa que precisa de profesionais que o atendan. Mozos e mozas de aquí que poderían traballar aquí, seguir vivindo aquí e contribuír aquí á creación de riqueza económica e ambiental de forma sustentable”.

Neste senso o Concello vai organizar unha serie de xuntanzas en todas as parroquias para tratar sobre estes temas e para tentar concienciar da importancia do monte e da necesidade dunha xestión sustentable e racional da que se tire maior proveito.

Nestas charlas impartidas por profesionais do ámbito forestal falarase da situación actual da superficie forestal na nosa zona, dos problemas asociados ao minifundismo, das vantaxes de xestionar o monte en conxunto, da posibilidade doutros aproveitamentos complementarios -silvopastoreo, micoloxía, castañas, etc.-, das formas legais de asociacionismo forestal, das vías de finanzamento e do acceso a axudas, etc.

En base aos resultados destas xuntanzas, o Concello podería ofrecer asesoramento técnico a aqueles grupos de persoas propietarias que queiran estudar a posibilidade de implantar novos modelos de produción ou de xestión conxunta das superficies forestais.

As charlas desenvolveranse nos seguintes lugares e datas, todas elas ás 17.00h.

  • Ferreira: 19/04/2017, no local social da Seara

  • San Sadurniño: 20/04/2017, xoves, na Casa da Xuventude

  • Camiño Arriba: 21/04/2017, venres, no local social

  • Monte: 24/04/2017, luns, no local social

  • Lamas: 25/04/2017, martes, no local social

  • Bardaos: 26/04/2017, mércores, no local social

  • Igrexafeita: 27/04/2017, xoves, no local social

  • Naraío: 28/04/2017, venres, no local social

Share.