O Concello pon en marcha o servizo “Liña Verde” para que a veciñanza comunique incidencias desde o móbil

0

Xa se pode descargar no móbil a APP Línea Verde -dispoñible para dispositivos Android e IOS- coa que comunicarlle ao Concello todo tipo de incidencias que se produzan no territorio: un vertedoiro incontrolado, defectos no mobiliario público, unha farola que non funciona, etc. O funcionamento é moi sinxelo: instálase de forma gratuíta desde a App Store ou desde Google Play, logo cumprirá elixir San Sadurniño como concello predeterminado e xa se poderá enviar calquera incidencia que se detecte no territorio. Este novo servizo -que é gratuíto- é moito máis rápido que as chamadas ao Concello, ademais de funcionar as 24 horas do día. Por outra banda tamén axilizará o control e o historial dos problemas atopados, xa que toda a información comunicada se centraliza nun único punto onde facer un seguimento detallado sobre o seu estado e, o máis importante, saber se están solventados ou non. 

Unha vez que descarguemos o aplicativo para o noso móbil deberemos entrar nel e escoller o noso Concello -San Sadurniño- xunto co idioma en que queremos que se mostre. Feito isto a app xa estará lista para facerlle chegar á Administración local calquera incidencia ou problema que atopemos.

Para iso hai que picar en “Nova incidencia” e abrirase unha pantalla para describir brevemente cal é o problema, dando a posibilidade de situalo no mapa, algo que se poderá facer á man ou automaticamente habilitando o GPS do móbil. Incluso se lle pode sacar unha foto para que os servizos municipais se fagan unha idea máis precisa de que ocorre.

O último paso é darlle a enviar e a mensaxe, que chegará ao Concello con todos os datos necesarios -descrición, foto e localización- para que se poida solucionar a incidencia o antes posible. E a cousa non quedará aí senón que, cada vez que se produza un cambio, a persoa que avisou recibirá unha notificación na aplicación do móbil de cara a facer un seguimento do seu estado.

A través de Liña Verde -que ten versión web: www.sansadurninoverde.gal– tamén é posible facer consultas de tipo ambiental -reciclaxe, normativa, etc.- que obterán resposta por parte dun equipo de persoas expertas no prazo máximo de 24 horas.

Liña Verde complétase cun apartado de información e cunha canle de avisos de servizo público no móbil (cortes de rúas, interrupcións de subministración etc.). Dispón ademais de información turística sobre o municipio e ofrece outros servizos a través da liña 902 193 768 en horario de 8 a 17.00h., aínda que o custe da chamada é de 7 céntimos minuto.

O aplicativo leva varias semanas en marcha -xa se informou sobre el no anterior boletín Novas- e nestes momentos estanse facendo pequenas correccións e cambios na redacción dalgúns dos seus contidos que non interrompen o seu funcionamento.

Desde o Concello considérase que esta nova ferramenta -que non garda datos de carácter persoal, só o número de teléfono- será de grande utilidade para alertar sobre todo tipo de problemas que se producen no territorio, como os relacionados coas vías de comunicación -árbores caídas, desperfectos, etc.-, coa iluminación pública e tamén coa recollida do lixo, en especial os avisos sobre entullos e outros voluminosos que aparecen tirados ao pé dos colectores.

Share.