O Concello pídelle á Xunta que estableza un sistema de reparto de mascarillas e luvas

0

En vista da medida adoptada polo Estado de repartir mascarillas entre as traballadoras e traballadores que desde hoxe usan o transporte público para acudir aos seus postos,  o Concello de San Sadurniño remitíulle unha solicitude ás consellarías de Presidencia e de Sanidade para que sexa a Xunta quen artelle un sistema de distribución dese material de protección, de cara a evitar acopios e garantir ao mesmo tempo que se faga un reparto priorizado e ordenado que chegue ás persoas que realmente o necesitan. Ademais de solicitar da Xunta que organice o reparto tamén se propón que a distribución de todo ese equipamento se faga a través das farmacias e de Centros de Saúde.

A petición faise considerando que o sistema de reparto estatal “é ineficaz en concellos coma o de San Sadurniño”, principalmente por non existir redes de transporte que sexan empregadas de forma masiva para os desprazamentos laborais, pero tamén porque este xeito de distribución dun equipamento escaso pode “crear unha sensación de angustia ou necesidade imperiosa por conseguilo entre aquelas persoas que se vexan na obriga de desprazarse”.

A solución artellada por algunhas administracións locais de achegar máscaras directamente á poboación non resolve esta cuestión, ao non estar priorizadas as persoas que as precisan nestes momentos por ter necesidade de saír das súas vivendas e non sendo tampouco suficiente o reparto dunha máscara dun só uso por persoa”, abunda o texto remitido ás consellarías da Presidencia e de Sanidade.

Neste sentido solicítase que a Xunta “como administración con competencias en materia sanitaria e de saúde pública” sexa quen xestione e garanta o acceso das persoas que o precisen ao material de protección para o desenvolvemento da súa actividade vital ou laboral, “evitando que se produzan actitudes de acopio das mesmas por parte de persoas ou empresas”

O escrito pide que se estableza un sistema de acceso aos sistemas de protección (máscaras e luvas fundamentalmente) “dun xeito controlado e seguro, evitando que se produzan aglomeracións ou saídas das vivendas coa finalidade de facerse con eles”.  O texto propón un sistema de entrega “por medio do propio sistema de saúde, polo que a Xunta podería dotar aos centros de saúde e farmacias de material, e garantir o acceso controlado ao mesmo a través da tarxeta sanitaria do SERGAS, de modo que se poida constatar tanto a necesidade como a dispoñibilidade do material”.

Na solicitude, o Concello de San Sadurniño “ponse a disposición da Xunta de Galicia para tratar de artellar un sistema de reparto obxectivo e controlado, sen caer en repartos indiscriminados, dado que neste momento non existe material suficiente dispoñible para garantir o acceso universal da poboación e que debe priorizarse a necesidade obxectiva do mesmo”.

100 mascarillas para persoas autónomas e pemes
En canto á distribución de material, nestes momentos o Concello dispón de luvas, batas, mascarillas sanitarias e produtos de hixiene e desinfección facilitados nos envíos periódicos da Consellaría de Sanidade, que se destinan ás necesidades do persoal de Obras e Servizos e tamén do SAF. Ademais tamén recibiu 50 pantallas protectoras fabricadas polo movemento Makers Ferrolterra que xa se distribuíron entre eses mesmos servizos. As existencias están cubertas para varios días.

Porén, o consistorio tamén recibirá ao longo do día de hoxe cen máscaras a maiores que se distribuirán entre autónomos e pequenas empresas do municipio que non dispoñan delas e cuxa actividade estea entre as permitidas polo Estado de Alarma. Dada a escaseza deste material entregarase unha para cada traballador até esgotar as existencias. Será necesario chamar antes ao Concello -981 490 027- para concertar a entrega.

Por último, desde o Centro de Saúde infórmase que aquelas persoas que deban acudir a citas médicas previstas -analíticas, consultas ou tratamento do sintrom- tamén recibirán luvas e máscaras protectoras dun só uso para previr contaxios.

Share.