O Concello pídelle á veciñanza un emprego adecuado dos colectores de roupa usada

0

A área de Servizos distribuiu polo territorio hai algo máis dun ano un total de 10 colectores destinados á recollida de roupa usada para a súa posterior reutilización ou reciclaxe. A iniciativa púxose en marcha en colaboración coa Parroquia de San Sadurniño con dous obxectivos primordiais: por unha banda aforrar custos no tratamento de residuos evitando que se tiren prendas de vestir nos colectores xenéricos e, por outra -e máis importante-, facilitarlles ás familias con menos recursos lotes de roupa e calzado en bo estado. Porén, nalgúns lugares a cousa non está funcionando como debería por causa de que hai quen bota nos colectores outro tipo de restos. Por iso, desde o Concello pídese que nos contedores grises da roupa usada só se deposite iso, roupa e calzado… e non flores, líquidos e outros materiais.

A maioría dos colectores de roupa e calzado encóntranse ao carón das igrexas e cemiterios parroquiais co obxectivo, precisamente, de que non sexan confundidos cos do lixo xenérico e tamén para facilitar a recollida por parte do crego e das persoas que lle axudan no labor de  clasificación das prendas.

Os contedores son grises, teñen a tapa laranxa e, para máis señas, levan un grande cartel onde se di textualmente “RECOLLIDA SELECTIVA DE ROUPA E CALZADO USADO. COA COLABORACIÓN DE CÁRITAS E AS PARROQUIAS”. A cor do depósito e o texto deberían ser avisos suficientes para que a el só fosen parar prendas de vestir. Pero a experiencia dos últimos meses indica que nalgúns lugares -non en todos- os colectores se empregan para botar flores resecas, recipientes plásticos e restos doutros tipos para os que existen contedores específicos. Ademais, tamén se deron casos de colectores que quedaron á intemperie coa tapa aberta, de maneira que a roupa depositada enchoupou coa auga e acabou podrecendo.

Para evitar que isto siga ocorrendo, a área de Servizos insiste -unha vez máis- en que nos colectores só debe depositarse roupa e calzado usado metido en bolsas ben pechadas. Desde o Concello tamén se lembra que  é importante baixar a tapa do colector aínda que estea ao abrigo para evitar no posible a entrada de auga e humidade, xa que a recollida non se fai tan acotío como ocorre co lixo.

Nos contedores debe botarse todo tipo de roupa e calzado, aínda que se encontre en mal estado. Despois, cando se faga a clasificación, farase a escolla das prendas que reúnen boas condicións para seren reutilizadas por outras persoas -logo dun minucioso proceso de lavado-  e daquelas que irán directamente para reciclar ou ser procesadas como é debido. “A roupa que é aproveitable, aprovéitase. E a que non destínase a unha reciclaxe específica. Se fose parar aos contedores xenéricos acabaría incinerada en SOGAMA e, ademais, penalizaría os ratios de impropios do Concello, que se encontran en niveis moi baixos”, explica a responsable da área, Amparo Calvo.

Da recollida e primeira clasificación encárgase a Parroquia de San Sadurniño e un equipo de persoas colaboradoras encabezadas polo crego Javier Santiago. A quen fai todo ese traballo élle de moita axuda saber que vai en cada bolsa antes de abrila e por iso tamén se recomenda, anque non sexa imprescindible, indicar cun rotulador permanente se se trata de roupa e calzado en boas condicións ou se, pola contra, se trata de pezas que só valen para trapos.

Hai un contedor para roupa e calzado preto das igrexas de cada unha das sete parroquias do territorio -en Lamas hai un a maiores ao carón do local social de San Xiao e en Ferreira outro ao pé do local da Seara-, ademais doutros dous colocados no centro urbano de San Sadurniño, un no colexio público e outro á entrada da Escola Infantil Municipal A Rolada.

 

Share.