O Concello pide responsabilidade na xestión dos residuos

0

Aquelas cousas que perden o seu valor ou a súa funcionalidade, e das que nos queremos desfacer, convértense en residuos. Ora ben, residuos hainos de moitos tipos: domésticos, perigosos, industriais, agrícolas …, e cada tipoloxía ten un xeito diferente de xestión. No caso do sistema municipal, o Concello só pode recoller os de tipo doméstico pero non os perigosos -como son rodas, pinturas, medicamentos, etc.-, nin tampouco os industriais, os restos de obras ou de producións agrícolas, entre outros. De cando en vez seguen aparecendo ao pé das estradas e dentro dos colectores escombros, tubaxes vellas, restos de cables, marcos de portas e incluso as perigosas uralitas, que deben ser retiradas por empresas debidamente autorizadas para a súa manipulación e posterior tratamento. Neste sentido, desde o Concello vólvese pedir a máxima responsabilidade e recórdase que todas as verteduras ilegais -tamén as que se fagan ao pé dos colectores- poñeranse en coñecemento da Garda Civil. Por sorte os problemas máis graves son puntuais, xa que a maioría da veciñanza de San Sadurniño fai as cousas ben e está moi concienciada coa correcta xestión dos residuos.

Ademais de refugallos perigosos, en moitos casos tamén se botan nos contedores restos de podas, herba do cortacéspede e excedentes de colleitas, sobre todo grandes cantidades de mazás podres. Este tipo de residuos orgánicos tampouco se poden tirar nos colectores municipais. Son restos agrícolas e, polo tanto, deben ser xestionados directamente por quen os produzan.

Nestes casos concretos, ao tratarse de materia orgánica, aconsellamos que se manexen de forma tradicional, é dicir, facendo unha pequena pila de esterco que nos proporcionará un fertilizante excelente e barato.

Outra opción é a compostaxe, que non deixa de ser unha versión moderna da esterqueira de toda a vida. Neste senso, o Concello está agardando a concesión dunha subvención para desenvolver nos próximos meses un novo programa de promoción da compostaxe doméstica dos residuos orgánicos.

Volvemos insistir unha vez máis en que a eficiencia e os custes do sistema de recollida do lixo dependen en boa medida dunha correcta separación en orixe e do noso compromiso individual coa redución, a reutilización e a reciclaxe. Para pequenos electrodomésticos avariados, restos de pequenas obras (non grandes obras nin uralitas), pinturas, disolventes, etc., temos ben preto o Punto Limpo de Narón, situado no Polígono Río do Pozo, onde podemos deixalos completamente de balde.

Ademais, o Concello tamén ofrece un servizo gratuíto de recollida de voluminosos -mobles vellos, frigoríficos, televisores avariados e outros enseres- que se pode solicitar chamando ao 981 490 027.

 

Share.