O Concello pediralle a Medio Rural que rinda contas sobre o plan de erradicación da couza guatemalteca da pataca

0

A Consellaría do Medio Rural remitiu onte aos medios de comunicación unha nota de prensa -publicada tamén na súa web- na que se informa do levantamento de restricións á plantación de patacas nun total de 9 municipios galegos. Na nosa comarca recuperan esa posibilidade Neda, Ortigueira e Cariño, que se suman a outros territorios de toda a volta onde xa se podían poñer patacas desde principios de ano ou incluso desde antes. No comunicado non se mencionan, porén, os outros concellos onde a prohibición continuará en vigor, como é o caso de Narón, Valdoviño… e tamén San Sadurniño. A noticia -que ha de confirmarse coa correspondente publicación no DOG- causou malestar no Goberno local, quen entende que a Xunta “é incapaz de controlar a praga, xa sexa por non dedicarlle medios suficientes ou por non estar peinando o territorio de maneira exhaustiva para eliminar os focos”. Neste sentido, o Goberno local ten intención de enviarlle a Medio Rural unha carta pedíndolle explicacións sobre como se desenvolveu até o momento o plan de erradicación e solicitándolle que, polo menos, se levante a prohibición de plantar naquelas parroquias ou zonas onde non se produciron capturas de avelaíñas nos últimos dous anos.

O próximo 5 de marzo faranse catro anos da prohibición de plantar patacas en San Sadurniño e, segundo parece, tampouco en 2021 nin en 2022 se poderá poñer na terra nin un triste tubérculo. Así o indica o Real decreto estatal publicado en 2017 onde se marca a estratexia para erradicar a Tecia Solanivora Povolny. O documento -que é de obrigado cumprimento polas Comunidades Autónomas- ten unha vixencia inicial de 5 anos, período que podería verse prorrogado no caso de que a praga persista en calquera parte do Estado (agás Canarias). Ademais, o Programa Nacional de control e erradicación da couza tamén establece que para considerar que unha zona está libre da peste será obrigatorio que pasen polo menos dous anos consecutivos sen detectar a súa presenza, algo que se debe facer mediante a colocación sistemática de trampas con feromonas.

O Concello puido saber por fontes de Medio Rural que durante o 2019 en San Sadurniño non houbo ningunha captura. Desta maneira, se durante o 2020 tampouco as houbese, o noso territorio podería plantar de novo en 2021. Unha expectativa que se viu truncada onte co anuncio de Medio Rural sobre o levantamento da prohibición en 9 municipios galegos entre os que non se encontraría San Sadurniño.

Segundo soubo tamén o Concello por fontes da Consellaría -non información oficial, posto que a Xunta non a facilita-, en 2020 houbo repartidas polo noso territorio un total de 52 trampas e nelas, segundo parece, teríanse constatado só tres capturas de Tecia. Unha cifra minúscula nun territorio de case 100 quilómetros cadrados, pero suficiente para que se manteña a prohibición de plantar, tal e como se acordou onte no seo da comisión de seguimento da praga.

E iso é todo o que se sabe por agora. Nin datos sobre as zonas aproximadas onde se produciron as capturas, nin información oficial sobre se foron só tres ou se detectaron máis exemplares, nin tampouco unha explicación de como é posible que siga habendo avelaíñas tras tres anos de prohibición das plantacións e de restricións ao movemento de tubérculos.

Esas son as incógnitas sobre as que o Concello lle ten previsto pedir explicacións a Medio Rural por medio dunha carta que se lle enviará unha vez que o DOG confirme oficialmente a prohibición de plantar. “Dixéronnos por activa e por pasiva que a couza só podía eliminarse deixándoa sen alimento para subsistir, é dicir,  non plantando patacas. Levamos tres anos sen poder facelo e seguen aparecendo insectos ¿que pasa entón?. A Xunta é a responsable de seguir a evolución da praga e de controlar que se cumpra a normativa. Polo que vemos, Medio Rural está sendo incapaz de facelo, xa sexa por non dedicarlle medios suficientes ou por non estar peinando o territorio de maneira exhaustiva para eliminar os focos”, asegura o rexedor.

O responsable municipal de Desenvolvemento local, Manolo Varela, incide neste último aspecto sinalando que “se Medio Rural sabe onde se produciron as capturas, o menos que poden facer é investigar o entorno inmediato para determinar cal pode ser a súa procedencia exacta e actuar en consecuencia adoptando as medidas que se deban adoptar. É algo que ten toda a lóxica e que vén recollido no Real decreto do Estado para erradicar a praga, pero non sabemos se se fixo así ou non, nin tampouco en que lugares. Tampouco sabemos cantos recursos ten dedicados a Consellaría a esta finalidade, pero intuimos que non son os necesarios”.

Na misiva que se lle remitirá a Medio Rural tamén se solicitará que, cos datos na man, se reconfigure o mapa das restricións para que a prohibición de plantar se aplique só nas zonas afectadas “e no radio de seguridade que cumpra establecer”. Neste momento a Xunta toma como referencia das corentenas todo o territorio municipal, pero o Real decreto estatal daría tamén a opción de “redefinir as zonas infestadas para adaptalas ao territorio” en aquelas comunidades autónomas onde o cultivo de pataca se realiza de forma maioritaria para autoconsumo nun grande número de pequenas parcelas repartidas irregularmente. “A Xunta pode prohibir plantar nunha zona concreta e entendemos que non ten que ser necesariamente en todo o concello. Se en 2019 non houbo capturas e en 2020 só houbo tres, iso significa que no peor dos casos hai un máximo de tres parroquias con presenza da praga e outras catro que estarían libres dela, sempre e cando eses sexan os datos oficiais cos que traballa Medio Rural”, explica Manolo Varela. “Nesta situación entendemos que poderían levantarse as restricións por zonas, que pasarían ser zonas tampón, onde sería posible plantar baixo supervisión da Consellaría”.

Secundino García engade a este respecto que “na actual situación” o cultivo domiciliario de pataca “é fundamental para o autoabastecemento de moitas familias que viron mermados os seus ingresos por causa da pandemia, e en xeral para calquera que as plantase habitualmente e agora ten que mercalas de inferior calidade e a prezos que se dispararon nos últimos meses”. O alcalde insiste en que “non se trata de rematar coa prohibición porque si, senón de aplicala con sentido común e responsabilidade nos lugares onde se constatase a a presenza da praga e acompañada de recursos e medidas de control exhaustivas”.

En calquera caso, desde o Concello agardarase á publicación oficial no Diario Oficial de Galicia para estudar en detalle o contido completo da orde e remitirlle á Consellaría do Medio Rural as demandas municipais, ademais de solicitar da Xunta “máis transparencia na xestión desta crise” e que se “informe puntualmente aos Concellos polos cauces oficiais de todas as medidas que se adopten. Non é de recibo ter que enterarse polos medios de que a Xunta nos vai seguir prohibindo plantar pataca tamén en 2021”, conclúe o rexedor.

Polo tanto, en San Sadurniño segue prohibido plantar patacas e, neste sentido, escusamos encargar semente salvo que haxa un cambio de postura por parte de Medio Rural sobre o alcance territorial das restricións.

 

 

Share.