O Concello pechou 2016 con 852.000 euros de remanentes de tesouraría

0

A alcaldía suscribiu hai escasos días a resolución pola que se aproba a liquidación orzamentaria do exercicio de 2016. Trátase dun trámite obrigatorio do que se deberá informar no próximo pleno e que, ademais, sairá publicado no Boletín Oficial da Provincia ao longo desta semana. O contido do informe económico -elaborado pola área de Secretaría -Intervención- apunta a que o Concello finalizou o ano cumprindo coa regra de gasto e a estabilidade orzamentaria. De feito, os datos facilitados pola Intervención municipal indican que 2016 pechou con 852.000 euros en remanentes de tesouraría e case 440.000 euros de resultado axustado. Cifras que, segundo o titular de Facenda, Suso Soto, reflicten “unha boa saúde económica” do Concello.

A información económica do balance de 2016 xa pasou pola Comisión Informativa Permanente de Facenda e Especial de Contas cos votos a favor do grupo de goberno e a abstención de PP e PSOE. Nesta comisión púxose ao tanto á oposición das macrocifras coas que pechou o exercicio do ano pasado e, entre elas, o goberno local destaca a comparación das obrigas recoñecidas netas -2.270.242,79 €-, co total do orzamento -2.777.900 €-, que virían indicar un grao de execución das contas municipais dun 81%. “Pasar dun 80 por cento no grao de execución orzamentaria é sinal de que se planificaron unhas contas realistas en canto á capacidade de levar adiante investimentos, servizos e outras actuacións municipais”, explica Soto.

Por outra banda, a comparación do orzamento aprobado -eses case 2,8 millóns de euros- co total cuantificado finalmente -3.116.189,72 €- vén indicar que San Sadurniño obtivo un 12% máis de ingresos do que se prevía inicialmente, debido principalmente ás transferencias doutras administracións e a unha maior eficiencia na xestión das taxas e impostos municipais.

Outra das cifras destacadas é a do resultado orzamentario axustado que, segundo os servizos contables municipais, estaba a día 31 de decembro en 439.530,86 €. Trátase dunha contía “importante” que, segundo o edil de Facenda, “de ser necesario, podería incorporarse ao orzamento de 2017 para realizar investimentos financeiramente sostibles”.

O cuarto número reseñable é o do remanente de tesouraría que, simplificando, contabiliza o que ten o Concello e tamén o que ten pendente de cobrar. O balance neste caso é positivo e ascendeu a 852.007,54 €. A cantidade é asumida como un resultado satisfactorio por parte do equipo de goberno, desde onde se puntualiza que a cifra debe lerse con matices: “o resultado tan positivo do remanente de tesouraría e a contabilización de importantes cantidades en dereitos pendentes de cobro lévanos a iniciar un proceso de depuración deses dereitos para eliminar aqueles que xa veñen de exercicios moi lonxanos e que son de difícil ou imposible execución.”

Tal e como comenta Suso Soto, as contas de 2016 “confirman a boa saúde económica do noso Concello, onde os ingresos foron suficientes para facer fronte á prestación de servizos que estaban orzamentados”

A Conta Xeral sairá publicada nos proximos días no BOP e a partir dese momento exporase ao público durante 23 días hábiles. Tras ese período de exposición entrará no apartado de dación de contas do primeiro pleno municipal que se celebre.

Share.