O Concello pecha as festas entregando os premios do Nadal

0

As áreas de Cultura e de Desenvolvemento local citaron para a mañá deste sábado 9 de xaneiro a todas as persoas -grandes e pequenas- que resultaron premiadas no certame “Engalana o teu concello” e no sorteo realizado entre todas as cartas para os Reis recollidas polo Apalpador. No primeiro caso entregáronse 25 agasallos dentro das tres categorías convocadas: decoracións de Nadal individuais, colectivas e de negocios. No segundo déronselles aos nenos e nenas dez vales canxeables por lotes de Maruxas de Nata e Bico de Xeado.

A responsable de Cultura, Amparo Calvo, recordou que “Engalana o teu concello” foi unha proposta “dun neno e dúas nenas que preguntaron por que non se decoraba o concello polo Nadal” e que, neste sentido, o consistorio quixera darlle resposta a esa iniciativa convocando un certame que lle dese participación á veciñanza, retomando para iso a idea lanzada hai uns meses en “San Sadurniño en flor”, xurdida no lugar da Feira da Plantación.

Manolo Varela explicou ao fío da introdución de Calvo que tanto o certame floral como o de decoración do Nadal tamén se aproveitaron para apoiar o tecido produtivo da comarca, posto que os premios entregados estiveron compostos por lotes de produtos de proximidade e tamén vales para gastar na hostalaría local.

O edil de Desenvolvemento local sumouse ao dito por Paula Aneiros, unha das representantes do xurado, incidindo en que “Engalana o teu concello” tamén é un xeito de “recuperar a alegría” e de propor desde o Concello actividades alternativas para a veciñanza: “Necesitamos facer cousas, a pesar desta pandemia”, dixo o concelleiro. Varela aproveitou a ocasión para adiantar que, case con toda probabilidade, este ano San Sadurniño tampouco vai contar coa Feira da Plantación que se organizaba o último domingo de abril, pero si co certame “San Sadurniño en flor”, premiado ademais pola Fundación Juana de Vega dentro do proxecto Vilas en Flor.

En “Engalana o teu concello” participaron un total de 40 decoracións repartidas por todo o territorio. A portavoz do xurado destacou a “orixinalidade” de todos os traballos presentados ao certame e mostrouse sorprendida pola elevada participación na iniciativa: “custounos moitísimo decidir entre uns e outros, xa que se viu o cariño e o traballo nunha iniciativa moi bonita”, dixo Paula Aneiros.

Cartas do Apalpador
Ademais de citar ás persoas premiadas en “Engalana o teu concello”, o Goberno local tamén chamou para o sábado pola mañá cun horario distinto aos nenos e nenas agrazadas no sorteo das cartas do Apalpador. Cabe recordar que hai varios días o pandigueiro do Courel percorreu o territorio en saudando as crianzas de ata 11 anos e recolléndolles as misivas dirixidas aos Reis Magos. Entre todas elas -un total de 80- sorteáronse cinco vales canxeables por lotes de Maruxas de Nata e outros cinco canxeables por Bico de Xeado, firmas ambas do sector agroalimentario vencelladas á parroquia de Santa Mariña do Monte.

Share.