O Concello cambia a LED o alumeado da AC-862 ao seu paso polo núcleo municipal

0

O tramo da estrada de Ortigueira comprendido entre Cornide e o Outeiro conta desde hai uns días cun novo sistema de alumeado, logo de que se completase a substitución das vellas lámpadas de descarga por outras que funcionan con tecnoloxía LED. A diferenza que máis se notou é que agora cae sobre a estrada e as beirarrúas unha luz branca máis agradable e mellor repartida que se conseguiu sen aumentar o número de puntos e mesmo reducindo o consumo eléctrico. O proxecto -que se executou con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental- estima que o consumo enerxético se rebaixará nun 42%. Unha vantaxe á que cómpre sumarlle a maior vida útil desta tecnoloxía e a previsión de que baixen tamén os custes de mantemento.

Os diodos emisores de luz, coñecidos polo acrónimo inglés LED, estanse impoñendo pouco a pouco como tecnoloxía preferente para alumear casas e tamén espazos públicos. Encenden rápido, non emiten nin calor nin radiación, duran máis e consumen menos que as lámparas convencionais sen sacrificar capacidade lumínica ao longo da súa vida útil.

Todo son vantaxes agás o prezo que, malia abaratarse nos últimos anos, segue sendo elevado. Porén, o investimento incial compénsase co que se aforra en electricidade e tamén en mantemento, e máis aínda no caso de alumeados da rede viaria que botan acesos toda a noite durante os 365 días do ano.

O Concello xa probara esta tecnoloxía na praza da antiga casa consistorial e, visto o resultado en canto a calidade lumínica e aforro, decidiu destinar os cartos do Fondo de Compensación Ambiental deste ano a un proxecto de maior envergadura. O fondo é unha partida administrada pola Xunta de Galicia que se nutre do canon que pagan as empresas eólicas por ter muíños de vento no territorio. A San Sadurniño correspondéronlle no último prorrateo un total de 37.000 euros que, en todo caso, deben investirse en “actuacións globais destinadas á conservación, reposición e restauración do ambiente e reequilibrio territorial”.

IMG_5423

Os traballos de substitución das lámpadas finalizaron hai uns días

Así, en San Sadurniño contratouse por  36.500 euros a modernización do alumeado público ao longo da AC-862 ao seu paso polo centro urbano, desde a estación de servizo de Cornide ata ben pasado o lugar do Outeiro. Os cadros eléctricos e os postes mantivéronse, só se substituíron os antigos farois de descarga e instalouse un novo sistema de control responsable do funcionamento de 87 dispositivos LED: 40 de 140W, 35 de 100W e 12 de 50W.

O Concello apunta a que dos preto de 82 Kwh que consumía o anterior sistema se pasará agora a uns 46,8 Kwh, o que supón unha redución do consumo nun 42%. Ademais, cómpre lembrar que a rebaixa tamén terá unha incidencia porcentual aínda maior na factura da luz, xa que a tarificación eléctrica grava máis a potencia contratada que a realmente consumida. En termos ambientais o estudo previo elaborado como base para a contratación indicaba que o novo alumeado público evitará o equivalente a emitir case 12 toneladas de CO2 á atmosfera.

A iniciativa forma parte do programa municipal de aforro enerxético aplicado ás infraestruturas públicas, co que se busca reducir o capítulo de gasto corrente por medio da optimización dos consumos tanto en alumeados públicos como noutras instalacións e equipamentos de titulariedade municipal. O programa incide na adopción de tecnoloxía máis eficiente pero tamén na revisión unha por unha das facturas de subministración para detectar posibles erros e mesmo para avaliar cambios cara a comercializadoras con prezos da electricidade máis competitivos.

Share.