O Concello organiza “Apostando polo sector primario” para o 29 de agosto en substitución da Feira Rural

0

A situación sanitaria actual levou a suspender os eventos multitudinarios que se celebraban en San Sadurniño e a reformular toda a programación municipal para adaptala ás esixencias preventivas. Foi o caso da Feira da Plantación, transformada no programa San Sadurniño en flor, e tamén vai ser así no caso da Feira Rural de finais de agosto, que a área de Desenvolvemento Local reconverteu nunha xornada de formación técnica gratuíta con aforo limitado a 70 persoas en cada unha das actividades organizadas, para as que fará falla inscrición previa no teléfono 616 332 919 ou no correo agustin.perez@sansadurnino.gal. As charlas desenvolveranse baixo carpa durante todo o sábado 29 de agosto na leira da Cortiña recuperando parte do programa “Apostando polo sector primario” que se ía desenvolver en abril falando de novas tecnoloxías, de diversificación, de fructicultura e de apicultura, entre outros temas. Ademais tamén haberá espazo para xantar e visitas guiadas á horta de conservación Carlos Fornos, ao colmear didáctico e polo paseo fluvial.

10.00 a 11.15h. Charla: Cos pés na terra e traballando na nube
Coñeceremos con David Lourido a actividade de Arela Comunicación Sostible, unha iniciativa impulsada por catro persoas mozas dun entorno rural que atoparon na tecnoloxía unha oportunidade para non ter que marchar. Traballan en comunicación e na adaptación de negocios á era 2.0, ben como xeito de comercialización dos seus produtos ou como maneira de posicionalos nun mercado global.

11.15 a 12.00h. Visita guiada á horta de froiteiras Carlos Fornos e ao colmear didáctico
No percorrido explicarase a finalidade desta plantación onde se conservan máis de 150 variedades de árbores para froita, moitas delas castes propias desta comarca. Tamén se aproveitará para volver incidir no potencial da apicultura, ben como actividade principal ou como parte dunha explotación agrogandeira diversificada.

12.00 a 13.30h. Charla: A experiencia dos cultivos Miñotos
De agricultura diversificada falarannos, precisamente, Juan Ángel Pérez e Antonio Tartaglione, dous dos membros da SAT Vivaz Plant da localidade pontevedresa de Tomiño. A experiencia xurdiu como resposta á crise económica de 2009 apostando pola terra como medio de vida e como fonte de xeración de emprego. A SAT recuperou leiras abandonadas e púxoas a producir mazá, aguacate, fabas ou cánabo, entre outras plantacións. Nos últimos dez anos a experiencia consolidouse, ampliou o número de socios e é exemplo de éxito no aproveitamento do potencial que ten a zona do Baixo Miño. Unha filosofía que tería encaixe na nosa zona, traballando por exemplo as posibilidades da horta ou da froita. De feito, o obxectivo desta charla é facerlle ver esa posibilidade á mocidade ou ás persoas que teñan terras abandonadas e queiran poñelas a producir.

13.30 a 17.00h. Tempo libre e para xantar
Trala última charla da mañá haberá algo máis de tres horas para xantar e pasear pola zona. Na Cortiña haberá un posto de comida -churrasco, bebida, sobremesa e café- onde se servirán racións individuais (15€) coa idea de que as persoas participantes e familiares poidan distribuírse polo arboreto ou o paseo fluvial para gozaren dun xantar campestre. As persoas interesadas en xantar deberán indicalo no momento de inscribirse en calquera das charlas (ou en todas).

17.00 a 18.15h. Charla: LAR, 30 anos a medrar na aldea
Nesta primeira sesión da tarde coñeceremos a experiencia do Lar do Acivro, unha granxa artesanal nacida ao abeiro da Casa de Familia que Asociación Fogares Lar ten en marcha en Muimenta desde 1989. Alí crían animais -porco celta, galiña de Mós, galiña Piñeira, etc.- e tamén manteñen unha pequena horta, como parte da acción socioeducativa que desenvolven como fogar para menores baixo tutela da Xunta. Todo o excedente producido reinvístese no centro, que ademais lle ofrece á rapazada unha visión transversal sobre as posibilidades do medio rural.

18.15 a 19.00h. Visita guiada polo Arboreto Galego e o paseo fluvial
Preto xa do serán, e como penúltima actividade da xornada, visitarase tanto a zona do arboreto -que reproduce a pequena escala os principais bosques e usos tradicionais da terra- como o paseo do Xubia, cualificado Zona de Especial Conservación dentro da Rede Natura 2000.

19.00 a 21.00h. Charla: Sanidade apícola e explotacións profesionais
A derradeira charla técnica da xornada ofreceraa Carlos Marín Barcáiztegui, veterinario especialista en apicultura. O experto afondará sobre o problema da varroase mencionando os sistemas de diagnose e os puntos críticos do seu tratamento. Alén disto tamén comentará as principais enfermidades da cría das abellas, así como as estratexias para previlas. Na segunda parte do seu relatorio, aproximadamente ás 20.00 h., abordará os aspectos máis salientables que cómpre ter en conta na xestión dunha explotación profesional, ou que pretenda avanzar cara a esa profesionalización.

Para participar en calquera das charlas de “Apostando polo sector primario” fará falla inscrición previa (gratuíta) chamando ao 616 332 91 calquera día pola semana en horario de 8.30 a 14.00h. ou mandando un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal.

Cada unha das actividades está limitada a un aforo máximo de 70 persoas e poderemos inscribirnos nunha, dúas, ou nas que queiramos. É importante recordar que no momento da inscrición tamén fará falla indicar se se vai quedar xantar para facer a reserva e que, se finalmente non podemos acudir á actividade na que nos inscribíramos, tamén se aconsella chamar para anular e cederlle o sitio ás persoas que poidan estar en lista de agarda.

Nas inscricións daráselle prioridade á veciñanza empadroada en San Sadurniño e a persoas socias de calquera das entidades que colaboran na organización: a Asociación Galega da Froita Autóctona, a Asociación Agroecolóxica A Cortiña e a Asociación Casa do Mel. Recordade, a cita é o sábado 29 de agosto.

Share.