O Concello licita obras por valor de 276.000 euros

0

Xa están publicados na Plataforma de Contratación municipal os catro  proxectos acollidos ao finanzamento do Plan Complementario Deputación da Coruña, tres deles centrados en melloras na rede viaria e, o cuarto, para a ampliación do local social de Lamas. Todos saen a contratación por separado e por distintos importes que, en conxunto, suman un total de 276.598,45 euros, ive incluído. As empresas teñen até o 17 de setembro para achegar as súas propostas técnicas e económicas. Namentras, o Concello acaba de adxudicar outro grande paquete de reparacións de pistas pertencentes á programación do POS+ 2019 e do Plan de Camiños da AGADER que comezarán a executarse de forma inminente. Neste caso o importe global de adxudicación dos contratos ascende a 258.381,93 euros.

Con cargo ao plan de obras do POS+ redactáronse tres proxectos de obra. Así, en Santa Mariña do Monte está previsto o amaño da pista que vai de Sabanda á Pena, o acceso ao núcleo do Colado e o camiño do Espiñeiro. Son tres tramos que suman 1,3 quilómetros aos que se lles botará unha nova capa de asfalto cun custe de 25.552€. Os labores encomendáronselle á empresa SYR-AMG S.L.

O segundo proxecto acollido ao plan provincial foille adxudicado en 51.099 euros a Canarga S.L. e inclúe dúas actuacións con aglomerado asfáltico: unha en San Sadurniño para conectar a Agra de Abaixo coa estrada de Pedroso -pasando por Vilafiúnce- e outra que una a pista de Campolabrado coa antiga estrada das Pontes no lugar do Pico, en Naraío. A distancia total que se reparará chega a 1,4 quilómetros.

Na relación de obras incorporáronse a un único proxecto as reparacións da pista que vai desde Piñeiros ata o límite con Narón -San Sadurniño-, a que comunica Cadavás coa estrada provincial DP 701 -a estrada de Ferreira-, o eixo principal do núcleo do Pico -tamén en Ferreira- e o tramo que vai desde os Miguelares até a Ermida, en Igrexafeita. Neste caso arranxaranse case 2 quilómetros de pistas cunha nova superficie asfaltada. Das obras encargarase Excavaciones Saavedra y López S.L. por un prezo de adxudicación de 30.431 euros.

Ademais de programar reparacións con cargo ás axudas directas do Plan Único, o Concello tamén decidiu solicitar a liña crediticia da Deputación, o antigo PAI, co que se financiarán dous grandes tramos de aglomerado en Santa Mariña e en Bardaos. Dunha banda amañarase o eixo Castrelo-Cabanela-A Veiga, de case 2,8 quilómetros e da outra acometerase a conexión da pista da Bañoca co límite de Moeche –400 m.-, que o concello veciño tamén aglomerará polo seu lado ata a confluencia coa estrada de Ortigueira. Este contrato adxudicóuselle a Canarga S.L. por un prezo de 97.785 euros, é dicir, arredor de 15.000 euros menos que a base da licitación.

Alén do finanzamento provincial, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) tamén achega fondos a través do denominado Plan de Camiños.  A documentación rexistrada na axencia pública recolle os proxectos para amañar algo máis de 5 quilómetros de pistas en Bardaos, San Sadurniño e Naraío.

No caso de Bardaos repararase o tramo que vai desde As Loibas até o Carbeiral, que cobre unha distancia de 1.100 metros. En San Sadurniño tocaralle á pista que enlaza A Pena co Albeiro -2.170 metros- e, por último, en Naraío, pavimentarase o coñecido como “camiño vello” que sobe desde o Cerdeirido até Lourido pola Augaquente e Neirós, cunha distancia de 1.905 metros. Había reservados 77.500 euros que, trala rebaixa do prezo ofertada pola empresa que resultou adxudicataria -Excavaciones Saavedra y López S.L.- quedarán en 53.542,50€.

Agora, 6 quilómetros máis de pistas e o local de Lamas
Cos contratos que acabamos de enumerar, e que xa están adxudicados, o Concello amañará con asfaltos e aglomerados un total de 13 quilómetros de vías municipais -13.070 metros, exactamente-, aínda que estas non serán as únicas melloras previstas na nosa rede viaria. E é que hai tan só uns días subíronse á Plataforma de Contratación outros tres proxectos onde se define a reparación doutros 6,08 quilómetros de pistas.

O trazado de maior envergadura -82.509€- é o que comunica o límite coas Somozas, en Amido, co núcleo da Chabola pasando polo Hedreiro e Caínce, xa en Ferreira. Son 2,6 quilómetros de pista asfaltada á que agora se lle botará un novo firme aglomerado.

No paquete de licitacións vai tamén o asfaltado dos 1,8 quilómetros de estrada que comunican O Cando co Castro, en Igrexafeita, cun custe estimado de 47.983€, e dous tramos en Naraío cifrados conxuntamente en 34.277 euros. Son a pista desde A Vila até O Freixo e a que vai da Longra á Braña polos Foxos, que en total suman algo máis de 1,6 quilómetros de trazado.

Porén, a partida que suporá un investimento máis elevado dentro do Plan Complementario é a da construción dun anexo ao local social de Lamas. Está cuantificada nun prezo de saída de 111.828 euros que se dedicarán a facer unha ampliación das instalacións que veña corrixir os problemas de accesibilidade e usabilidade do actual inmoble, concibido no seu día cunha estrutura de dous andares máis propia dunha vivenda que dun local social.

O Concello levaba tempo falando coa veciñanza da parroquia sobre como remodelar o local do Chao de Lamas para que se axeitase mellor ás actividades que alí se organizan. A conclusión á que se chegou foi a de aproveitar parte da parcela para construír un salón polivalente anexo ao edificio principal. As instalacións estarán comunicadas co andar inferior do local social e suporán un incremento próximo aos 130 m² de superficie útil, incluído un escenario de algo máis de 36 m². Os planos mostran unha edificación de planta baixa con grandes fiestras e unha porta de acceso independente, xunto con rampas de acceso para persoas con mobilidade reducida.

As empresas que queiran optar a facerse con calquera destes catro proxectos municipais teñen até o 17 de setembro para presentaren as súas propostas técnicas e económicas. A información completa -pregos técnicos e administrativos- pode descargarse da Plataforma de Contratación, no apartado Xunta de Goberno Local/Licitacións.

 

Share.