O Concello licita obras na rede viaria por valor de 159.000 euros

0

A prensa diaria de hoxe publica os anuncios de licitación de varias obras de mellora tanto do estado como da seguridade na rede viaria municipal. Son tres paquetes por un importe total de 159.082 euros cos que o Concello levará adiante a primeira fase da reurbanización da avenida Marqués de Figueroa, a construción dunha senda peonil no Camiño Grande, en Igrexafeita, e a reparación dun camiño en Silvalonga e outro entre A Fraga e Os Pontigos, en Ferreira. As obras fináncianse con cargo ao POS Adicional 2017 e cunha pequena achega municipal. 

O proxecto de maior contía é o referido á reurbanización de Marqués de Figueroa. A el destínanse 66.654€ cos que se sustituirán as beirarrúas e as canalizacións soterradas en ámbalas marxes desde o cruzamento coa AC-862 até o colexio público. O prazo máximo de execución fixouse en 3 meses. Trátase da primeira fase de transformación do principal eixo da zona urbana de San Sadurniño, onde se prevé  continuar a substitución das beirarrúas ata a capela do Belén e aglomerar toda a estrada a través dun contrato que se licitará máis adiante por importe de 240.000 euros financiados dentro do POS+ 2018.

O segundo paquete de obras incluído no POS Adicional 2017 -un plan provincial extraordinario nutrido de remanentes económicos do 2016- correspóndese coa reparación de 480 m dunha pista situada en Silvalonga e outra de algo máis de 1,5 quilómetros entre os Pontigos e A Fraga, en Ferreira. Neste caso os traballos consistirán na limpeza das cunetas e na eliminación dos baches para, finalmente, volver pavimentar as pistas. O importe das obras está cifrado en 47.941 € e o prazo máximo de execución en dous meses.

A última licitación publicada hoxe na prensa diaria ten un prezo de saída de 44.487 euros para a construción dunha senda peonil no Camiño Grande, en Igrexafeita, ao longo da marxe esquerda da AC-861 en sentido Ferrol-As Pontes. A infraestrutura estenderase case 300 metros, desde a explanada do bar Casa Casal até o aparcadoiro do bar Xaida, salvando en todo o traxecto unha fonda cuneta que nestes momentos obriga a transitar preto da calzada. A obra fora solicitada nas asembleas do orzamento participativo e o seu obxectivo é mellorar a seguridade por medio da construción dun carril para viandantes de 1,5 metros de ancho que, ademais, tamén levará soterradas canalizacións para as augas pluviais.  O prazo de execución está fixado en dous meses como máximo.

Os tres proxectos deberán saír agora no Boletín Oficial da Provincia -posiblemente este martes- para que empece a contar o prazo de presentación de ofertas. Nos tres casos estableceuse un período de 26 días para que as empresas acheguen as súas propostas.

Contratación da reparación integral da rede viaria
Cómpre lembrar que, alén destes tres proxectos, o Concello ten aberto o proceso de contratación dun grande programa de mellora da rede viaria municipal co que se prevén reparar cerca dunha trintena de pistas repartidas por todo o territorio. O importe total ascende a 199.478 euros, sufragados integramente con fondos municipais provenientes dunha parte do superávit de 2016.

O proxecto técnico recolle o amaño dun total de 27 camiños e pistas municipais nas que, dependendo dos problemas que presentan, se levarán a cabo reasfaltados completos ou ben reparacións nos tramos máis danados.  En calquera caso o mapa das intervencións previstas chega ás sete parroquias e atende en boa medida a peticións formuladas nas asembleas do orzamento participativo.

Share.