O Concello licita en 76.500 euros as obras do Plan de mellora de camiños municipais

0

O Perfil de Contratante do Concello de San Sadurniño acaba de publicar o procedemento mediante o que se contratará a reposición do firme en dúas vías municipais. Concretamente nas pistas entre o Vilar e Vilanova, en Lamas, e entre A Penamoura e a Fontela, en Naraío. Os traballos están orzamentados en 76.552,99 euros e as empresas que queiran optar a executalos poderán presentar as súas propostas até o día 21 de xuño. O importe total destas dúas obras financiarase con cargo ao Plan de mellora de camiños municipais 2018-2019 da AGADER, que lle asignou ao consistorio unha cantidade lixeiramente superior aos 64.000 euros.

Este programa autonómico -antes coñecido como “Plan Marco”- mudou o seu obxecto na convocatoria do ano pasado, dado que en anteriores anualidades especificaba como requisito que os camiños para reparar debían dar acceso a explotacións agrarias. Porén, tanto en 2017 como no presente período -2018/2019- esa esixencia desapareceu e agora como condición xenérica  establécese que se trate da ampliación, mellora ou mantemento de camiños municipais, entendendo como tales o ancheado, a reparación completa do firme -non valen rebacheos- ou o acondicionamento de sistemas de drenaxe e contención.

En base a estes criterios da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, San Sadurniño presentou un proxecto para dúas pistas que vén complementar o programa de mellora da rede viaria que se executa con fondos propios ou xestionados por outras administracións, como é o caso do Plan Único de Concellos da Deputación da Coruña.

Unha das vías acollidas ao Plan de mellora de camiños municipais será a que une os lugares de O Vilar e Vilanova, en Lamas. Son algo máis de 2 quilómetros de distancia  que se repararán en toda a súa lonxitude cun novo pavimento de ata tres capas de rego asfáltico sobre un ancho medio de 3,5 metros. Tal e como se sinala no proxecto, a pista soporta maiormente tráfico lixeiro do interior da parroquia, de xeito que se considera como máis axeitada esta solución técnica.

A outra pista mide 1.1 quilómetros e conecta os lugares da Penamoura e da Fontela, en Naraío. Nese caso a opción recomendada polo enxeñeiro redactor é o aglomerado asfáltico, dado que garante unha maior durabilidade ante as dificultades de drenaxe que presenta o trazado nesa zona e, especialmente, o forte desnivel que se debe salvar entre a parte máis baixa da pista -a da Fontela- e a máis elevada -a da Penamoura-. Ademais, o aglomerado tamén permitirá manter a continuidade do firme nunha vía  que, á súa vez, fai de enlace entre a pista O Chao – A Bidueda e a antiga estrada das Pontes.

Ao tratarse dun contrato inferior aos 80.000 €, a licitación publicada hoxe no Perfil municipal farase por procedemento aberto supersimplificado, segundo os supostos reflectidos na nova Lei de Contratos co Sector Público.  Facilítase deste xeito a achega de documentación por parte das empresas, redúcense prazos e, ademais, axilízase o propio procedemento administrativo de contratación. En calquera caso, as empresas que queiran optar á adxudicación poderán presentar as súas propostas ata o 21 de xuño.

Anuncio publicado no Perfil de Contratante

 

Share.