O Concello licita dunha tacada 324.000 euros en proxectos de mellora da rede viaria

0

Xa están publicadas na Plataforma de Contratación do Estado as licitacións para contratar cinco proxectos de obra destinados a reparar ou mellorar un total de 15 pistas repartidas por todo o territorio municipal. Nuns casos con aglomerados e noutros con regos asfálticos amañaranse algo máis de 13 quilómetros da rede viaria, empregando para iso financiamento do POS+ 2019, do Plan de Aforro e Investimento e do Plan de Camiños da AGADER. Malia a envergadura do investimento, que alcanza os 324.000 euros de prezo de saída, o Concello aínda ten en carteira para máis adiante todas as intervencións sufragadas co POS Complementario. Con cargo a este último programa provincial -para o que hai reservados outros 276.600 euros- acondicionaranse outros 6 quilómetros de pistas e tamén se prevé construír o local anexo ao centro social de Lamas. En resume: entre POS+, PAI e Plan Complementario, nos próximos meses estarán executados ou en marcha proxectos valorados en 100 millóns das antigas pesetas.

As solucións técnicas adoptadas botan man dos asfaltados naquelas vías secundarias ou que soportan menos tráfico e do aglomerado naqueloutras máis transitadas ou que precisan un reforzo extra polo uso ao que son sometidas.

Con cargo ao plan de obras do POS+ redactáronse tres proxectos de obra. Así, en Santa Mariña do Monte está previsto o amaño da pista que vai de Sabanda á Pena, o acceso ao núcleo do Colado e o camiño do Espiñeiro. Son tres tramos que suman 1.3 quilómetros aos que se lles botará unha nova capa de asfalto cun custe estimado próximo aos 36.000 euros.

O segundo proxecto acollido ao plan provincial ascende a 55.489 euros e inclúe dúas actuacións con aglomerado asfáltico: unha en San Sadurniño para conectar a Agra de Abaixo coa estrada de Pedroso -pasando por Vilafiúnce- e outra que una a pista de Campolabrado coa antiga estrada das Pontes no lugar do Pico, en Naraío. A distancia total que se reparará chega a 1,4 quilómetros.

Na relación de obras incorporáronse a un único proxecto as reparacións da pista que vai desde Piñeiros ata o límite con Narón -San Sadurniño-, a que comunica Cadavás coa estrada provincial DP 701 -a estrada de Ferreira-, o eixo principal do núcleo do Pico -tamén en Ferreira- e o tramo que vai desde os Miguelares até a Ermida, en Igrexafeita. Neste caso arranxaranse case 2 quilómetros de pistas cunha nova superficie asfaltada.

Ademais de programar reparacións con cargo ás axudas directas do Plan Único, o Concello tamén decidiu solicitar a liña crediticia da Deputación, o antigo PAI, co que se financiarán dous grandes tramos de aglomerado en Santa Mariña e en Bardaos. Dunha banda amañarase o eixo Castrelo-Cabanela-A Veiga, de case 2,8 quilómetros e da outra acometerase a conexión da pista da Bañoca co límite de Moeche –400 m.-, que o concello veciño tamén aglomerará polo seu lado ata a confluencia coa estrada de Ortigueira. A contía reflectida nos pregos técnicos ascende 112.332 euros.

Plan de Camiños da AGADER
Alén do finanzamento provincial, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) tamén achega fondos a través do denominado Plan de Camiños. Trátase dun programa autonómico que se distribúe seguindo, entre outros criterios, a superficie dos concellos ou a súa dispersión poboacional. San Sadurniño dispón para este ano dun total de 64.070 euros e por iso preparou un paquete de obras axustado a ese importe, ao que cómpre engadirlle posteriormente os 13.454 euros do ive, asumido polo Concello. A documentación rexistrada na axencia pública recolle os proxectos para amañar algo máis de 5 quilómetros de pistas en Bardaos, San Sadurniño e Naraío.

No caso de Bardaos repararase o tramo que vai desde As Loibas até o Carbeiral, que cobre unha distancia de 1.100 metros. En San Sadurniño tocaralle á pista que enlaza A Pena co Albeiro -2.170 metros- e, por último, en Naraío, pavimentarase o coñecido como “camiño vello” que sobe desde o Cerdeirido até Lourido pola Augaquente e Neirós, cunha distancia de 1.905 metros.

En todos os casos trátase de reparacións solicitadas pola veciñanza e que presentan numerosas fochancas producidas polo tráfico pesado que soportan, principalmente maquinaria e transporte relacionado coa extracción de madeira. Tal e como apunta a normativa da AGADER, nos tramos subvencionados non poden facerse simples rebacheos, senón que deben repararse por completo. Así, a solución proposta no proxecto de obra contempla limpar previamente a superficie e as cunetas para despois sanear os buratos e irregularidades detectadas. Finalmente botarase unha dobre rega asfáltica con gravilla que, naqueles puntos que o precisen, será triple.

As empresas que estean interesadas en presentar propostas técnicas e económicas para os proxectos que están en fase de licitación teñen todos os datos dos procedementos na Plataforma de Contratación municipal, á que se pode acceder desde aquí.

Ademais, para consultar todo o paquete de obras previstas ou xa feitas nos últimos meses tamén se pode descargar este arquivo de Google Earth.

Share.