O Concello lembra a obriga de cita previa para calquera xestión presencial

0

Estamos en pleno repunte de casos de coronavirus. Tras varias semanas críticas en que permanecemos en confinamento veu a fase da “desescalada” e logo a da “nova normalidade” que en moitos casos se confunde como “normalidade total”. Nada máis lonxe da realidade. O coronavirus segue entre nós, cada día aparecen novos gromos e, salvo que recordemos e apliquemos con dilixencia as recomendacións sanitarias, estamos a nadiña de ter que volver quedar na casa. O máis importante segue sendo o distanciamento social, a hixiene respiratoria e a hixiene de mans, ademais do uso da máscara en practicamente todas as circunstancias. Desde o Concello lémbrase que para acudir presencialmente ás oficinas municipais -tamén á oficina de Cultura- é obrigatorio solicitar cita previa no 981 490 027 ou en correo@sansadurnino.gal. Vólvese insistir niso xa que segue habendo moitas persoas que por descoñecemento ou por exceso de confianza seguen acudindo ao Concello facer xestións, trastocando a axenda de atención a quen si ten vez pedida e, o máis importante, incrementando innecesariamente o risco de contaxios.

Desde a área de Réxime Interior fan un novo chamamento á responsabilidade veciñal pedindo que ninguén se achegue pola Casa do Concello se non dispón de cita. De feito o máis seguro é que fagan a viaxe en balde, posto que nas oficinas municipais priorízase a atención ás persoas que si teñen vez pedida e unicamente para efectuar trámites que han de facerse obrigatoriamente de maneira presencial.

Repetimos: para solicitar cita hai que chamar ao 981 490 027 ou mandar un correo á caixa correo@sansadurnino.gal (nalgúns casos pode dar erro, pero a mensaxe chega e aténdese). A través desas dúas vías tamén poden formularse consultas e pedir información sobre calquera xestión e, só se é imprescindible, hannos dar día e hora para que pasemos polo servizo correspondente.

Repetimos outra vez, e van tres: antes de ir ao Concello hai que chamar ao 981 490 027. Se insistimos tanto é porque seguen dándose casos de persoas que se presentan nas oficinas do rexistro para avisar dunha farola que non traballa, para pedir un colector do lixo de maior tamaño ou para comentar que tal ou cual pista precisa un amaño. Cousas que se poden facer perfectamente por teléfono ou que, nalgúns casos, non están revestidas dunha urxencia que xustifique saltar a norma da cita previa.

Cómpre ter en conta, ademais, que o Concello ten en marcha o servizo Liña Verde para informar sobre todo tipo de incidencias directamente desde o teléfono móbil, sen ter que chamar sequera para avisar de desperfectos ou de equipamento que non funciona correctamente.

Tamén está á disposición da veciñanza a Sede Electrónica Municipal, que funciona igual que o rexistro presencial, aínda que require certificación electrónica a través do sistema Cl@ve para poder facer trámites con plena validez administrativa.

Por outra banda tamén cómpre lembrar que, de momento, non fai falla renovar as tarxetas de demanda de emprego no quiosco interactivo situado no primeiro andar, posto que o Servizo Público de Emprego de Galicia fará ese trámite de forma automática polo menos até o 30 de setembro.

Dentro do Concello, siga a liña
Se a pesar de todas estas opcións non nos queda outra que ir en persoa ao Concello -recordade, con cita previa no 981 490 027– debemos ter en conta que no interior do edificio tamén debemos cumprir varias medidas preventivas.

A primeira é o uso da máscara, que desde hai varias semanas é obrigatoria en case todo momento fóra da casa, independentemente de que poidamos gardar a distancia de separación de 1,5 metros con respecto a outras persoas. Ha de levarse correctamente colocada -cubrindo desde o tabique nasal até debaixo do queixo- e tendo moi en conta que están prohibidos os modelos con válvula exhalatoria.

Á entrada da casa consistorial teremos que botar xel hidroalcólico e, ademais, deberemos subir ás oficinas pola escalinata de toelo, salvo que por razóns de mobilidade teñamos que usar o ascensor.

Unha vez na galería dirixirémonos ao servizo que nos corresponda -está indicado con carteis- e, se hai xente dentro, agardaremos a nosa quenda mantendo a distancia de seguridade con respecto a outras persoas e evitando tocar coas mans mobiliario, a máscara ou outros obxectos. Se o facemos por necesidade ou descoido, refregaremos ben as mans outra vez co xel hidroalcólico, dispoñible nalgún dos dispensadores que hai repartidos polo primeiro andar.

Unha vez fagamos o trámite ou consulta presencial non poderemos saír por onde viñemos, senón que deberemos seguir a liña marcada no chan que nos manda baixar á porta principal pola escaleira interior do torreón. Nas actuais circunstancias só poden utilizar o ascensor quen teñan mobilidade reducida e só unha persoa cada vez, a menos que precisen de axuda.

Contra o coronavirus non hai vacina nin tampouco un tratamento efectivo… nin vai habelos nos próximos meses, ou polo menos non imos telos ao noso alcance a curto prazo. Por iso temos que seguir coidándonos e respectando as normas sanitarias como única maneira de protexernos nós e protexer ao resto. Ou iso, ou todo o mundo confinado de novo máis cedo que tarde.

Share.