O Concello inviste 7.300 euros en melloras na Escola Infantil Municipal

0

San Sadurniño recibiu este ano unha axuda de 6.450€ dentro da orde de 23 de maio da Consellería de Política social para a realización de investimentos na mellora de infraestruturas e na adquisición de equipamento das escolas infantís de 0 a 3 anos. A esta contía -procedente de fondos europeos FEDER- o Concello arrimoulle outros 850 euros, cos que a cifra total ascende a 7.300, que se destinarán a unha pequena obra de ampliación no espazo da cociña e á adquisición de material educativo.

A obra, xa executada, consistiu no aproveitamento do oco da escaleira leste do centro de empresas para convertela nunha despensa anexa co obxectivo de deixar máis espazo libre na cociña onde, ademais, tamén se substituirá unha das encimeiras e se redistribuirán os electrodomésticos, substituíndo algúns deles por outros de maior potencia e eficiencia enerxética.

Porén, o apartado das reformas non remata aí, senón que alcanzará ao acceso do centro botando un chan antideslizante na zona de recepción. Por último, tamén se habilitará unha das paredes do comedor como mural didáctico onde as mestras e a cativería poidan levar a cabo  todo tipo de actividades educativas.

En canto á dotación en equipamento, o proxecto denominado “Mellora das infraestruturas e do equipamento da Escola Infantil Municipal de San Sadurniño” inclúe a merca dun módulo de xogos para potenciar a psicomotricidade, un moble para a aula de bebés, tres cabaliños, un ordenador portátil e unha radio con reprodutor de CD.

En total investiranse 7.300 euros, 6.450 procedentes do FEDER e 850 sufragados polo Concello. San Sadurniño xa se beneficiou o ano pasado desta liña de axudas, que daquela supuxeron algo máis de 22.000 euros -80% Xunta e 20% Concello- que foron parar, entre outras cousas, á climatización do centro, á adquisición dunha pizarra dixital interactiva e ao acondicionamento con material acolchado dunha parte da galería de entrada na escola.

 

 

Share.