O Concello instalará na piscina dos Currás un elevador para persoas con mobilidade reducida

0

A piscina municipal de San Sadurniño vai ser desde este verán un pouco máis accesible, gracias á instalación dun elevador hidráulico para persoas con mobilidade reducida ou con algunha discapacidade que lles dificulte entrar ou saír do vaso. O dispositivo, no que se investirán 5.000 euros, permitirá ademais ampliar o uso das instalacións durante as mañás de xullo, agosto e setembro, posibilitando que ambos colectivos participen nas actividades acuáticas de saúde e lecer que organice o Concello.

O equipamento elixido é un elevador que funciona mediante a presión da auga -conectado ao sistema hidráulico da propia piscina- de maneira que non necesita ningún tipo de alimentación eléctrica que puidera supor un perigo.

Consiste nunha pequena estrutura de soporte en aceiro inoxidable cun asento ríxido que xira sobre o seu eixo para facilitar a entrada no vaso -sobre todo a persoas en cadeira de rodas-, así como a súa posterior saída.

O funcionamento é moi sinxelo e totalmente autónomo. De feito, salvo que se teña unha grande discapacidade, as usuarias e usuarios poderán empregar o elevador por si mesmas ou solicitar a axuda do persoal de socorrismo. Por iso o equipamento irá colocado na beira da piscina onde a profundidade da auga anda entre 1,30 e 1,50m, co obxectivo de que as persoas de apoio poidan facer pé durante todo o proceso.

O elevador móntase e desmóntase no seu emprazamento en poucos minutos. O Concello optou por un modelo deste tipo posto que require unha preinstalación mínima e ademais poderá gardarse a cuberto nos meses en que a piscina estea pechada.

Segundo o alcalde, Secundino García Casal, a instalación deste novo dispositivo “mellorará moito a accesibilidade da piscina, abríndoa a persoas con algunha discapacidade, coa mobilidade reducida ou incluso a persoas maiores que recelaban de virse bañar por ter dificultades para usar as escadas”.

O rexedor apunta que o elevador foi unha suxestión “feita por algúns veciños e veciñas” e tamén polo persoal de monitorado da Asociación Nuestra Señora de Chamorro -centrada na atención e apoio a persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento- que o pasado verán trouxo a San Sadurniño un grupo de usuarias e usuarios “para desfrutar da auga e facer exercicios terapéuticos na piscina”.

Secundino García engade que a instalación do elevador acuático “amplía as posibilidades de uso da piscina dos Currás” e avanza que, nese sentido, o Concello reforzará os programas lúdicos e relacionados coa saúde que se desenvolven polas mañás durante o verán, “dirixidos principalmente a persoas maiores e outros colectivos”.

O Concello xa ten lista a proposta de gasto, que ascende a 5.038 euros de investimento, de cara a adquirir o novo dispositivo en cuestión de días e estrealo a mediados de xuño, coincidindo co inicio da temporada da piscina.

Share.