O Concello insta ao SERGAS para que se cubra de forma estable a baixa laboral dun dos médicos titulares do Centro de Saúde

0

O Concello acaba de remitirlle á xerencia do SERGAS unha carta na que se lle trasladan as queixas veciñais provocadas polos cambios constantes do persoal facultativo que substitúe a un dos médicos titulares do Centro de Saúde. Unha situación “anormal” que se vén reproducindo desde hai medio ano e que, tal e como se sinala na misiva, “é fonte de desconfianza” para as persoas usuarias. A petición municipal -que atende a un rogo presentado polo PSOE no último pleno-  insta á xerencia do Servizo Galego de Saúde e á Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Ferrol a que se cubra a baixa de forma estable. 

O texto cursado esta mañá expón que desde o mes de decembro de 2016 un dos médicos titulares do Centro de Saúde de San Sadurniño se encontra de baixa laboral e que a súa praza se estaría cubrindo mediante “un sistema rotatorio que impide que o persoal facultativo sexa sempre o mesmo”.

Neste sentido, a carta asinada por Secundino García lamenta que as substitucións non se estean facendo de maneira que se lle dea continuidade  ao persoal  e, polo tanto, tamén “confianza” e “tranquilidade” ás persoas usuarias.

Desde o Concello considérase “urxente” poñerlle fin a unha situación que “non responde a ningunha razón económica ou orzamentaria”, senón  que -prosegue a carta- “responde en exclusiva á vontade que exista desde o departamento competente”.

No comunicado ínstase ao xerente do SERGAS, Antonio Fernández-Campa García-Bernardo, “a adoptar as decisións necesarias” para proceder á cobertura da praza “con persoal facultativo estable” mentres o médico titular se encontre de baixa.

Share.