O Concello insta ao SERGAS a que restitúa “coa máxima urxencia” os servizos de pediatría e medicina familiar no Centro de Saúde

0

O Centro de Saúde de San Sadurniño dispón dunha consulta de pediatría e dúas de medicina familiar  para atender as persoas usuarias os cinco días de entresemana. Esa é a teoría, xa que na práctica as cousas xa levan tempo sen ser así. E é que na actualidade a maior parte das veces só hai unha persoa asumindo medicina familiar e, ademais, a recente baixa laboral da pediatra titular provocou que o servizo para a infancia só se estea prestando dous ou tres días na semana, malia ser o de San Sadurniño centro de referencia para toda a rapazada de Moeche, Cerdido e As Somozas. Neste sentido, o Concello acaba de rexistrar un escrito instando á Xerencia de Xestión Integrada do SERGAS en Ferrol -con copia para a delegada territorial Martina Aneiros- para que se restitúan “coa máxima urxencia” os servizos que se viron reducidos e que son propios do Centro de Saúde.

Na instancia remitida onte, o alcalde, Secundino García, mostra a súa preocupación pola “redución significativa da atención primaria no Centro de Saúde de San Sadurniño”, sinalando que se trata dunha situación “que se estende no tempo” e que está a causar “graves prexuízos” á veciñanza usuaria.

O escrito refírese, en primeiro lugar, a que non se cubrise a baixa temporal da pediatra titular, cuxa función está sendo suplida con profesionais provenientes doutros centros médicos “só dous ou, no mellor dos casos, tres días á semana”. En consecuencia, tal e como se apunta na instancia, “estase a producir unha importante redución no tempo dispoñible para a atención pediátrica, situación que se ve agravada polo feito de que non se atende só á poboación de San Sadurniño, senón que mediante esta praza se atende tamén á de Moeche, Cerdido e As Somozas”.

Como principal consecuencia da situación sinálase que a espera por unha cita ou para as revisións periódicas “dilátase no tempo”, e  que cando se trata de casos de maior urxencia “as familias vense na obriga de desprazarse a outros centros de saúde ou a acudir aos servizos de urxencias pediátricas do CHUF”.

O Concello engade que a redución da atención “afecta directamente á poboación máis vulnerable, a infantil, e ademais estes servizos teñen unha incidencia directa na decisión das familias para se asentaren en municipios rurais”, razón pola que se demanda a restitución “urxente” das consultas pediátricas durante os cinco días da semana, “tal e como viña facendo a persoa titular da praza”, e que, se for preciso, “se apliquen oportunas medidas de discriminación positiva (na cobertura de prazas e baixas) para os centros de saúde situados nos concellos rurais”, como é o caso do de San Sadurniño.

Un médico menos
Á precariedade temporal do servizo de pediatría hai que engadirlle tamén “unha situación anómala en relación á medicina de familia”.  O Centro de Saúde conta con dúas prazas desta especialidade, pero a realidade é que na práctica “e xa desde o inicio da pandemia provocada pola COVID-19” -apunta o escrito municipal- a maioría das veces “só hai un facultativo dispoñible”, posto que o outro “está a prestar os servizos noutros concellos”.

De igual maneira que no caso da atención infantil, a redución de profesionais dispoñibles para a atención médica diaria “dilata considerablemente o tempo de espera por unha cita, impide a axilidade na atención dos casos máis urxentes, e mesmo fai que nos momentos en que estes profesionais teñen que facer visitas a domicilio, algo frecuente no noso concello polas súas características demográficas, non se conte con ningún médico de garda no propio Centro de Saúde”. Por este motivo, o Executivo local tamén considera “xusto e urxente” que se garanta a cobertura do servizo “por parte dos dous facultativos titulares de medicina de familia”.

O escrito remitido onte polo Concello ao SERGAS e á delegada territorial da Xunta remata puntualizando que a “complexidade” na xestión dos recursos por parte da Administración autonómica “non pode pasar por riba dos dereitos das persoas usuarias, e de maneira especial da poboación rural, que xa ten que aturar múltiples desvantaxes en relación ás áreas urbanas”. Con este argumento, Secundino García remarca que os servizos no centro de saúde local deben ser restituídos “coa máxima urxencia” para que a poboación da súa área de influencia sexa tratada “coa mesma calidade e cos mesmos servizos ca o resto da poboación galega”.

Share.