O Concello impulsa unha nova campaña de trampeos contra da velutina

0

Encontrámonos na época en que, se cadra, é máis efectiva a loita contra as avespas asiáticas. As raíñas fundadoras de novas colonias saíron recentemente do seu letargo invernal e xa andan construíndo os niños  nos que sacar adiante a súa primeira remesa de crías. Por cada raíña que se elimine neste momento haberá un niño menos do que preocuparse no verán e no outono, cando as velutinas dezman as colmeas e arrasan coa froita. O Concello de San Sadurniño, a AGA-Ferrolterra e a Casa do Mel de Goente iniciaron este luns unha nova rolda de charlas polas parroquias co obxectivo de promover o trampeo masivo en todo o territorio. Xunto coas sesións nos locais sociais, tamén houbo unha charla para o alumnado do CPI que, ademais, leva aparellado un concurso. Haberá tres premios para quen capture máis raíñas de aquí ao 18 de maio. Os agasallos entregaranse no centro de ensino o 20 de maio, cadrando co Día Mundial das Abellas.

A sesión para a rapazada do colexio público desenvolveuse durante a tarde deste martes impartida por persoal da delegación da Asociación Galega de Apicultura en Ferrolterra. Nunha primeira parte centrouse en recordar a importancia das abellas para a conservación dos ecosistemas e en repasar as ameazas que merman os enxames, como son os fungos, os parasitos, a polución ambiental, os pesticidas e, máis recentemente en Galicia, a vespa velutina nigrithorax.

Na charla explicouse o seu ciclo vital. Lembrémolo: saen do letargo a finais do inverno, constrúen un  niño primario pouco maior có ourizo dunha castaña no que crían un pequeno exército e, andando a primavera, cambian a un lugar máis elevado para empezar a edificar o niño secundario, que irá medrando en tamaño e ocupantes até finais do outono. Nas primeiras semanas do inverno os niños quedan baleiros e as novas raíñas fecundadas -só as raíñas- gárdanse en buratos para hibernar… e despois, volta a repetir o ciclo.

Durante as distintas épocas do ano tamén cambian o seu comportamento. Agora chuchan nas plantas e flores coma calquera abella e desde  mediados ou finais da primavera e boa parte do verán o tempo váiselles case todo en atacar as colmeas para obter proteína coa que alimentar a súa prole larvaria.  A partir do outono, coa colonia na súa plenitude, veremos centos de avespas papando figos, mazás, uvas e calquera froita madura, non porque muden as súas preferencias -as avespas adultas non son carnívoras, só cazan para as crías-, senón porque se trata dun alimento abondoso e doado.

Agora atopámonos no intre en que a loita mediante trampas semella dar mellor resultado. As estimacións da AGA apuntan a que unha campaña intensa de trampeo durante a primavera pode reducir os niños dunha zona concreta ata nun 75%. Pero para iso hai que colocar trampas a feito, sexan compradas ou elaboradas na casa cunha botella de plástico. Os lugares ideais son cerca das camelias e doutras árbores en flor e nos arredores de calquera lugar onde se atopase un niño secundario o ano pasado. Como líquido atraente pode usarse un preparado comercial ou, mellor aínda -e máis barato-, unha mestura dun 40% de cervexa, un 40% de viño branco e un 20% de licor de arandos ou calquera outra froita.

Na charla desta tarde na Casa da Cultura explicouse tamén como facer as trampas e o líquido atraente co obxectivo de que a rapazada se convirta en loitadora activa contra a velutina. Desde a AGA propúxoselles un reto con premio final: os tres mozos e mozas que máis raíñas capturen desde hoxe ata o 18 de maio levarán un pequeno agasallo. O alumnado que se anime a participar no concurso deberá entregar os exemplares capturados no centro de ensino o propio 18 de marzo e os premios entregaranse o día 20, data oficiosa de celebración do Día Mundial das Abellas.

Charlas polas parroquias
Namentras, continúan polas parroquias as charlas organizadas polo Concello en colaboración coa AGA-Ferrolterra e coa Casa do Mel de Goente. Comezaron onte luns en Santa Mariña do Monte e hoxe tócalle a Igrexafeita. Mañá mércores a charla terá lugar no local social de Bardaos, o venres no Camiño Arriba e no local social de Lamas, o luns da semana que vén en Naraío, o martes na Casa da Xuventude e o mércores 5 de abril finalizarán no local social da Seara, en Ferreira.

Todas as sesións comezan ás 18.00h. e ademais de insistir na importancia do trampeo de primavera tamén se falará sobre como está evolucionando a invasión, sobre os avances na investigación do seu comportamento e sobre os pasos que se deron para atopar un método de loita efectivo.

 

 

Share.