O Concello esíxelle a Medio Rural información clara sobre as medidas de control da praga da pataca

0

O Concello de San Sadurniño acaba de remitirlle á Consellería do Medio Rural unha comunicación na que se expresa a “fonda preocupación” por como está manexando a Xunta a situación da praga da avelaíña guatemalteca da pataca e na que lle pide “información actualizada e veraz” sobre as medidas que se van tomar. A carta vén motivada pola publicación hoxe mesmo por parte de La Voz de Galicia dunhas declaracións atribuídas á Directora Xeral de Agricultura, Belén do Campo, nas que se asegura que a primeiros de marzo o Estado prohibirá plantar patacas nas zonas en corentena e que incluso se decretará a obriga de arrincar as plantacións existentes. Unha medida da que se leva falando algún tempo pero que desde o Concello lamentan coñecer a través dos medios de comunicación en vez de pola propia Consellería. Neste sentido esíxeselle á Xunta que lle traslade aos municipios “antes que a ninguén” toda a información da que dispoña e que precise “de inmediato” como ten previsto atallar a propagación das avelaíñas. Unha loita para a que San Sadurniño ofrece a súa colaboración, empezando por facilitarlle información fiable “ás moitas persoas que se están achegando polo Concello para consultar sobre o asunto”, tal e como dixo esta mañá o titular da área de Desenvolvemento local Manolo Varela.

Varela indica, ademais, que estamos asistindo a “un espectáculo bochornoso, con medidas improvisadas coas que o goberno autonómico tenta lavar a cara”. O concelleiro alude, entre outras, á resolución publicada o martes no DOG obrigando aos concellos a que reforcen a vixilancia de tubérculos nos mercados locais que, tal e como se apunta desde o Concello, “non ten aplicación práctica algunha nun municipio coma o noso onde xa estamos en corentena e onde o problema non é a pataca que veña, senón a que poida saír”.

A este respecto Manolo Varela engade que os municipios pequenos “tampouco temos medios técnicos e humanos nin para saber se as patacas están infectadas nin moito menos para impedir a súa circulación”. Con todo, o responsable municipal de Desenvolvemento local informou de que no próximo mercado, o do 26 de febreiro, “se hai pataca á venda recolleremos toda a información que poidamos, aínda que sabemos que de pouco ou nada vai servir na loita contra a praga”.

O edil mostrouse especialmente crítico co proceder da Consellería en canto á información que facilita sobre a praga e as medidas que se van adoptar. “Estamos enterándonos polos xornais do que vai pasar en vez de ter información directa e contrastada proveniente de Medio Rural”. Varela refírese á información publicada hoxe por La Voz de Galicia onde se asegura que a Consellería xa sabería nestes momentos que a normativa estatal prohibindo as plantacións e decretando o arrinque das existentes se publicará a principios de marzo. “Se a Xunta dispón de información oficial ao respecto debería facérnola saber xa mesmo aos concellos afectados en vez de utilizar os xornais para continuar alimentando a confusión existente, e así llo fixemos saber na carta que lle acabamos de enviar. Xa está ben de ter aos concellos sen saber como actuar e á xente sen saber se vai poder plantar ou non e se vai ter que arrincar as patacas de cedo”.

Manolo Varela tamén criticou a resolución publicada o martes sobre a obrigatoriedade de que se declaren todas as plantacións existentes “non polo contido en si da medida, senón polo feito de que se publicase de súpeto e, de novo, sen falar antes cos municipios”. “A maioría das plantacións son para autoconsumo e en moitos casos son pequenas leiras pertencentes a persoas maiores con dificultades para cubrir o papeleo da declaración. Antes de tomar esta medida -que ao mellor xa se debería ter tomado hai tempo e non agora deprisa e correndo- a Xunta debería ter previstos os custes sociais e a dificultade que entraña a súa aplicación”, explica Varela.

Axuda para declarar as leiras sementadas
Sobre esta última cuestión, o concelleiro indicou que en San Sadurniño está en marcha desde onte mesmo un servizo de apoio para persoas que non poidan ou non saiban como facer as declaracións. Así, calquera persoa que precise axuda para facer este trámite pode pasar pola oficina da Casa da Cultura de 8.30 a 14.30h. os luns, mércores, xoves e venres. O técnico deste departamento encargarase de cubrir a declaración e a información relativa á localización das parcelas cos datos facilitados polas persoas interesadas para que despois poidan  rexistrar o documento no Portelo único do Concello.

Sobre esta última cuestión, o titular da área de Desenvolvemento local tamén asegurou que, a día de hoxe, “o modelo de declaración aínda non está dispoñible na sede electrónica da Xunta nin tampouco na oficina agraria virtual de Medio Rural”, polo que o Concello está utilizando a folla publicada no DOG do pasado martes.

Información descargable:
Resolución de medidas extraordinarias do 14/02/2016
Resolución de ampliación das zonas demarcadas pola presenza da praga de corentena
Folleto informativo sobre a praga publicado pola Consellería do Medio Rural.

Share.