O Concello equipará o pavillón e o campo de fútbol con cadanseu desfibrilador cardíaco

0

O pavillón municipal, o ximnasio e o campo de fútbol de Currás disporán en breve de desfibriladores para a recuperación de paradas cardíacas. O Concello xa ordenou a compra de dous equipamentos portátiles cos que se pretende ter preparadas as instalacións deportivas municipais ante posibles casos que requiran unha reanimación inmediata antes da chegada da atención médica especializada. O investimento en ambos dispositivos é de algo máis de 2.600 euros. Unha vez instalados ofreceráselle ao persoal municipal e a responsables dos equipos un pequeno curso sobre como manexalos e sobre como facer correctamente as manobras RCP que deberán poñerse en práctica de maneira combinada coa súa utilización.

O modelo de desfibrilador solicitado polo Concello é un CU-SP1, o máis implantado en instalacións deportivas pola súa sinxeleza de uso e mantemento.

De ser necesario abondará con seleccionar o modo adulto ou o pediátrico -para usalo con rapazada menor de 8 anos ou menos de 25 quilos de peso-, acender o dispositivo e colocar as almofadas de descarga segundo se indica nas instrucións. É o propio equipo quen analiza o ritmo cardíaco e quen decide se cómpre ou non efectuar unha descarga, momento no que haberá que separarse do pacente e premer o botón.

O dispositivo conta con mensaxes de voz que indican o que se debe facer a cada paso, ademais de marcar os ciclos e o ritmo das manobras de reanimación cardiopulmonar (RCP) e da ventilación respiratoria, mentres segue monitorizando o estado da persoa en parada.

O uso dos desfibriladores portátiles só está aconsellado cando a persoa non respira nin responde a estímulos externos e, en calquera caso, é unha medida para ganar minutos vitais mentres non se recibe atención médica especializada. De feito, chamar ás urxencias sanitarias é o primeiro que se debe facer, ademais de manter a calma e prestarlle atención ao que nos vaia dicindo o aparello.

A decisión de dotar o pavillón/ximnasio municipal e o campo de fútbol de Currás  con dous equipamentos deste tipo obedece ao desexo do Concello de “estar preparados para calquera eventualidade que poida producirse”, tal e como apuntaba esta mañá o alcalde, Secundino García, habida conta de que estes espazos acollen unha intensa actividade física “e tamén público, ninguén está libre de verse nese trance”, apunta o rexedor.

O Concello xa deu orde de compra dos  dispositivos, cuxo importe ascende a 2.620 euros, IVE incluído. Unha vez estean instalados facilitaráselle a correspondente formación sobre o seu manexo aos técnicos municipais de Deportes e de Cultura, pero tamén ás persoas vinculadas ao CPI, ao Aldebarán de volei, o CF San Sadurniño e a nova escola de fútbol Irmandiños.

Share.