O Concello empezará o ano coas asembleas veciñais

0

O proceso de participación veciñal no que se definen as principais actuacións que precisa o territorio cambia de datas con respecto a outros anos. Os encontros itinerantes polas parroquias víñanse facendo habitualmente entre finais de novembro e principios de decembro coa previsión de levar a pleno o orzamento municipal antes do remate do ano. Porén, as contas municipais seguramente se debatan a finais de xaneiro e por esta razón o goberno local optou por trasladar as xuntanzas a despois das festas. Ademais, durante estes dous últimos meses do ano houbo e hai un intenso programa de actividades que dificultou moito planificar un calendario de asembleas que puidese completarse todo dun tirón. Neste sentido, e de cara a axilizar o proceso, todos os encontros concentraranse en cinco días.

As asembleas son un foro para achegar ideas sobre investimentos, maneiras de mellorar servizos ou xeitos de cubrir necesidades veciñais, atendendo sempre á súa viabilidade técnica ou económica e ao requisito de que beneficien ao maior número posible de persoas.

O habitual é que cadaquén propoña investimentos para o seu entorno inmediato, como asfaltados, sinalizacións, rozas, construción de sendas peonís, etc. Porén, as asembleas tamén están concibidas como un punto de encontro de onde poidan xurdir ideas beneficiosas para o conxunto do territorio -medidas de aforro, programas de optimización de recursos, novos servizos, etc.- e non exclusivamente para unha zona concreta. Ademais, nestes encontros infórmase sobre proxectos en marcha ou que se van levar a cabo, co obxectivo de manter a veciñanza ao tanto da xestión municipal.

Todas as asembleas terán lugar nos locais sociais de cada parroquia ás 20.00h. e, nalgúns casos, celebraranse dúas xuntanzas á mesma hora. Anotade os días:

  • Naraío (local da Veiga) – luns 13 de xaneiro
  • Bardaos (local da Bañoca) e Igrexafeita (local da Torre) – martes 14 de xaneiro
  • San Sadurniño (Casa da Xuventude) e Santa Mariña (local da Golpilleira) – mércores 15 de xaneiro
  • Ferreira (local da Seara) – xoves 16 de xaneiro
  • Lamas (local de San Xiao) e Camiño Arriba (antiga escola) – venres 17 de xaneiro

Quen se achegue ás asembleas -abertas á veciñanza ou a quen teña relación con San Sadurniño- poderá presentar as súas propostas de viva voz ou ben entregalas escritas nesta folla normalizada. A ficha tamén pode rexistrarse presencialmente no Concello ou na Sede Electrónica, mandarse por correo postal -Lugar do Casal 16, 15560 San Sadurniño- ou enviala ao correo electrónico correo@sansadurnino.gal.

Share.