O Concello e o Consorcio amplían o programa Xantar na Casa ata as 20 persoas usuarias

0

O Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar e o Concello acaban de asinar unha modificación do convenio do programa Xantar na Casa de cara a ampliar o número de persoas beneficiarias do servizo. Desde 2019, ano no que se suscribiu o acordo, San Sadurniño tiña asignadas sete prazas que durante 2020 se ampliaron ás 15 por causa da pandemia. Un número que agora, co novo acordo, se subirá até as 20 con posibilidade de que se incremente máis adiante se existe demanda. O Xantar na Casa achégalles ás persoas usuarias os xantares de toda a semana por un prezo diario de 1,76 euros, posto que o resto dos custes do menú son asumidos polo Concello e o Consorcio. Para informarse ou solicitar a incorporación ao programa -que esixe cumprir determinados requisitos- pódese contactar cos Servizos Sociais municipais a través do 981 490 027 ext.1.

O prezo total do menú do Xantar na casa -primeiro prato, segundo prato e sobremesa- ascende a 6,60€ por persoa e día dos que o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar cobre o 50%, outro 25% corre por conta do Concello e o 25% restante é asumido polos usuarios e usuarias do servizo, que só deberán pagar 1,76 € diarios ou, dito doutro xeito, algo máis de 52 euros polo xantar de todo o mes.

Os menús para a semana son todos distintos e adaptados ás necesidades nutricionais e médicas das persoas beneficiarias: alimentos baixos en sal, menús para persoas diabéticas, menús de dieta baixa en graxas, alimentos de mastigación doada ou menús normais, sen ningún tipo de restrición nos ingredientes aínda que con combinacións e proporcións saudables.

Non se trata dun servizo a domicilio de pratos conxelados, senón de preparados completos que se cociñan de forma convencional e que despois se envasan para preservar as súas propiedades nutritivas e de sabor. Logo lévanse ás casas unha vez por semana  repartidos  en sete bandexas seladas  que se gardan no frigorífico e que se deben ir quentando no microondas cada día antes de xantar.

Para acceder ao Xantar na casa hai que estar nalgunha das seguintes situacións:

  • Ter máis de 60 anos, coa autonomía persoal limitada e sen unha rede de apoio familiar que poida suplir tal situación.
  • Estar nunha situación de dependencia sen apoio familiar que requira a axuda para a preparación de alimentos.
  • Ter menos de 60 anos e atoparse nunha situación de exclusión social acreditada e avaliada tecnicamente.
  • Estar empadroadas en San Sadurniño.

Ademais destas condicións xenéricas -que serán avaliadas polos Servizos Sociais e polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar-, tamén se deben cumprir unha serie de requisitos económicos con respecto aos ingresos mensuais do conxunto da unidade familiar, ademais da situación en canto ao capital mobiliario ou inmobiliario da persoa que solicite o servizo:

  • Ingresos regulares que non superen o 150% do IPREM -7.908,60€ en 2021-  para cada persoa da unidade de convivencia.
  • Excluiranse as persoas propietarias de bens mobles ou inmobles sobre os que se teña calquera clase de dereito que polas súas características, valoración, posibilidades de explotación ou venda indiquen medios suficientes. Exceptúase a vivenda propia sempre que a súa valoración catastral non supere 10 anualidades do salario mínimo interprofesional.
  • Entenderanse como medios económicos suficientes no que respecta os recuros procedentes do capital mobiliario, e a efectos de valoración para a resolución das solicitudes, os que superen os 15.000€ en contas de aforro e/ou investimentos que posúa a unidade familiar. As persoas que superen ese saldo bancario, aínda que reúnan o resto dos requisitos, non poderán beneficiarse do programa.

En calquera caso, para saber se se cumpren estes e outros requisitos e solicitar formalmente o servizo pode contactarse con Servizos Sociais a través do 981 490 027 ext.1.

Trala ampliación extraordinaria do Xantar na Casa o ano pasado até as 15 persoas usuarias -en 2019 só había 7 prazas- o Concello cubriu a demanda existente, que agora se incrementa até as 20 prazas co obxectivo de ter marxe dentro das oscilacións de baixas e novas altas que se poden dar na prestación do servizo.  Con todo, desde o Goberno local sinálase que ningunha persoa que o precise e que queira acceder ao Xantar na Casa vai quedar fóra del, posto que na última addenda ao convenio  suscrito co Consorcio xa se contempla a posibilidade de aumentar o número máximo de beneficiarias.

Share.