O Concello e o club Biela e Chaveta reeditan o seu convenio de colaboración anual

0

O alcalde de San Sadurniño e o presidente do club ciclista Biela e Chaveta, Sergio Collado, asinaron este mediodía o acordo anual de colaboración entre o consistorio e a entidade de cara á promoción deste deporte no concello e a colaboración coa área municipal de Deportes naqueles eventos que organice. O importe total do convenio ascende a 1.000 euros e nel aparecen recollidos alomenos catro eventos: a marcha ciclista municipal,  un obradoiro dentro do Nadal Deportivo deste ano e, os próximos, unha  quedada BTT nocturna dentro dos Venres en Sansa o día 12 de outubro e, posteriormente, un segundo encontro co ciclismo todoterreo para o que aínda non hai data fixada. 

O convenio suscrito con Biela e Chaveta é o terceiro que se rubrica cunha entidade deportiva do municipio, logo de facer o propio co CF San Sadurniño -9.000 €- e co CV Aldebarán -18.000- coa finalidade principal de manter as escolas de fútbol e volei e de brindarlle apoio técnico a eventos organizados pola Concellaría de Cultura e Deportes. Ademais, cómpre lembrar que o Concello tamén reserva outros 6.000 euros en subvencións concedidas en concorrencia competitiva ás que optan outros clubes do territorio que non asinan convenio. A resolución destas últimas -e tamén as correspondentes a Cultura- publicarase nos próximos días.

Segundo establece o acordo, a entidade ciclista adquire o compromiso de colaborar co Concello na organización de actividades de fomento deste deporte ao longo deste ano e, nomeadamente, a marcha celebrada no marco do Xuño Deportivo, a ruta nocturna do 12 de outubro, unha xornada de iniciación para a rapazada encadrada no Nadal Deportivo e unha quedada BTT que, previsiblemente, percorrerá as zonas máis espectaculares e enlamadas do territorio.

Para esta última aínda non se fixou data nin tampouco trazado. A que si está definida é a dos Venres en Sansa de dentro de dous meses e medio. Comezará ás 19.00h. e ofrece dúas opcións de inscrición: unha gratuíta para mocidade de entre 12 e 35 anos que deberá facerse -igual que o resto das actividades do programa- pasando pola Casa da Cultura, e outra cun prezo de 10€ sen límite máximo de idade que inclúe pinchos ao final do percorrido e unha achega de 5€ para colaborar economicamente coa Asociación Cometa. Neste caso, o da inscrición con dereito a petiscos e colaboración con Cometa, haberá que apuntarse través da web galitiming.com a partir do 10 de setembro.

A contía do convenio asinado hoxe entre Biela e Chaveta e o Concello ascende a 1.000€, que o club local poderá percibir integramente como anticipo, aínda que despois, no mes de decembro, deberá presentar as facturas xustificativas dos gastos, igual que calquera outra entidade que reciba axudas municipais.

Share.