O Concello e o CF San Sadurniño renovan o convenio anual para o mantemento das escolas de fútbol

0

O alcalde de San Sadurniño, Secundino García, e o presidente do C.F. San Sadurniño, Luís Santalla, asinaron hai escasos días o acordo de colaboración entre o Concello e o clube de cara a financiar as actividades que este desenvolve para a promoción do fútbol. A contía do convenio ascende este ano a 9.000 euros  que a entidade destinará principalmente ao mantemento das escolas deportivas. Nestes momentos o Sansa conta con sete equipos e un total de 90 deportistas con ficha federativa. 

A través deste convenio, o Clube de Fútbol San Sadurniño recibirá a axuda en dúas veces: 6.000 euros anticiparanse á entrada en vigor do convenio e os 3.000 euros restantes a finais de ano, cando se presenten as facturas xustificativas dos gastos. O texto suscrito entre o alcalde e o presidente do clube estipula xa de antemán as partidas, que se destinarán case integramente a gastos de monitoraxe dos equipos xuvenil, feminino, benxamín, prebenxamín e biberóns.

Así, o CF San Sadurniño comprométese a xestionar as escolas deportivas municipais deste deporte durante 10 meses, pero tamén a colaborar co Concello na organización de eventos relacionados co fútbol, como é o caso do IX Tetramaratón de San Sadurniño que se disputará o próximo 29 de marzo.

Outro compromiso adquirido polo Sansa é o de manter en bo estado as instalacións do campo de Currás, cedidas ao clube para o desenvolvemento da súa actividade.  A cesión abrangue a utilización do recinto -campo, vestiarios, bancadas e cantina-  e implica que os custes de escasa entidade como espellos, bancos e material de adestramento sexan asumidos polo club, mentres que o mantemento da superficie do terreo de xogo correrá por conta do Concello.

O C.F. San Sadurniño ten nestes momentos sete categorías, que suman máis de medio cento de rapaces e rapazas no caso do fútbol base. Ademais, o Sansa tamén conta con 16 deportistas disputando a liga comarcal feminina de Fútbol 8 e unha vintena de deportistas xogando na Segunda Autonómica masculina.

Share.