O Concello e O Castelo de Narahío programan desde hoxe varias actividades arredor do Samaín

0

Disque hoxe era o último día do ano para as culturas prerromanas do occidente europeo. O momento de dar por rematadas as colleitas e de darlle a benvida a un novo ciclo marcado por días más curtos, escuros e fríos. Un contraste entre a vida e a morte que quedou aí, no acervo inmaterial, en forma de ritos cun tronco común que algúns pobos foron capaces de manter vivos, mentres que noutros case desapareceron asimilados polo cristianismo. Neste último estaría Galicia, onde moita xente maior aínda lembra a véspera de Santos como data sinalada para o ir pedir polas casas o “mighallo” -unha especie de aguinaldo infantil- poñéndolle medo a quen abría a porta. ¿Verdade que vos soa o tema?. Obvio, xa que iso mesmo é o que se importou masivamente nos últimos anos como halloween, sen sermos conscientes -ou si- de que a orixe da celebración pagá está nesta banda do Atlántico e non da outra. Deixando a un lado o debate, o certo é que estamos metidos neste tempo de defuntos, magostos e Samaín e en San Sadurniño temos tres días pensados para o goce da xente miúda, nun caso organizado pola área de Cultura do Concello e no outro pola asociación veciñal O Castelo de Narahío. Tomade nota das propostas.

O Concello  preparou para este martes 31 de outubro unha sesión infantil na Casa da Cultura que se prolongará desde as 17 ata as 19.30h. Vai dirixida á rapazada de entre 3 e 12 anos que, durante esas máis de dúas horas, terá unha chea de propostas para se entreter ao tempo que se meten a fondo na tradición.

A sesión está dividida en dúas partes, unha de preparativos e manualidades e outra de xogo. Na primeira metade ofrecerase un obradoiro de maquillaxe para que a cativería poida converterse no personaxe que queira: unha cabaza, un esqueleto, unha meiga ou calquera outra cousa asociada tradicionalmente a este tempo do Samaín, de Santos e de Defuntos.

En paralelo tamén terán un taller de baleirado e decorado de cabazas xunto con outros elementos decorativos elaborados con materiais de refugallo e naturais.

A segunda parte está pensada para facer xogos cooperativos adaptados ao fío condutor desta data que aínda terá continuidade na programación veciñal do Castelo de Narahío.  Esta entidade veciñal organiza o seu clásico Magosto e Samaín, que este ano se desdobra en dous días cunha completa programación para todas as idades cofinanciada pola Deputación da Coruña e tamén polo Concello a través da liña de subvencións para Cultura.

O venres 3 de novembro ás 20.00h. teremos no local social da Veiga ao escritor e contacontos Anxo Moure  co espectáculo “O mouro Moure e as árbores da noite do Samaín”, no que estará acompañado ao acordeón por Servando Barreiro. As lendas, a tradición, a natureza e os valores do respecto, a solidariedade e a igualdade xúntanse nesta proposta lúdica e musical recomendada para nenas e nenos, pero tamén para o resto da familia.

O programa máis denso quedou para o sábado 4, con actividades que comezan xa pola mañá e que culminarán á noitiña coa exitosa procesión do medo percorrendo os rueiros da Pena, Correlo e o Eirexado, con saída e chegada no local social da Veiga.

Así, entre as 11.00h. a 13.00h. a rapazada -e tamén os papás e mamás que queiran- poderá asistir a un obradoiro de decoración de cabazas que require inscrición previa nos teléfonos 676.336.207 e 646.502.566. As prazas son limitadas e cadaquén debe levar a súa cabaza ou melón.

Pola tarde, a partir das 18.00h., exporanse no local social as cabazas do obradoiro e tamén aquelas que queiran traer os nenos e nenas que non participasen na actividade da mañá.  Para as 19.00h. -ou quizais para algo máis tarde- O Castelo de Narahío programou a actuación do Mago Benxamín, que lle dará paso a iso das 20.00h.  á procesión teatralizada das ánimas e os defuntos.

A  ruta nocturna é, se cadra, o momento máis agardado e este ano presenta como novidade a colaboración da asociación O Aturuxo de Melpómene, que ten preparadas unha chea de sorpresas terroríficas relacionadas coa tradición e o imaxinario galego sobre o tránsito da vida á morte.  Desde a asociación animan á veciñanza a participar nesta ruta do medo con disfraces da Santa Compaña, de pantasma, de meiga, de lobishom… e de calquera elemento da tradición galega asociada aos ritos do outono, comúns a outras culturas atlánticas coma a irlandesa. 

O remate da noite farase de novo no local social da Veiga coa degustación  gratuíta de castañas e papas de millo e melón, seguido da queimada da “Noite do Alén” e unha repichoca popular.

Share.