O Concello e Femlegal desenvolven nestes días as primeiras xuntanzas de traballo preparatorias do IV PIOMH

0

O Concello de San Sadurniño, con axuda da consultora Femlegal, está desenvolvendo estes días o programa de encontros coa poboación e con distintas institucións e entidades de cara a deseñar o IV Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes de San Sadurniño. Onte martes houbo xuntanzas con representantes políticos, con persoal técnico externo -como por exemplo o Centro de Día, CPI e Garda Civil- así como coas traballadoras do SAF e con varias entidades culturais e deportivas, que puideron formular achegas sobre aqueles aspectos que debería recoller o documento. A través de dinámicas grupais foron xurdindo propostas ás que a empresa redactora lles dará forma antes de volver reunirse con todas as partes implicadas para validalas e incorporalas ao plan, que se conta poder presentar coincidindo co 25N, día internacional da eliminación da violencia de xénero.

Un Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes é un documento que recolle todas as medidas que tanto o Concello como institución como a sociedade -colectivos, particulares, outras institucións, etc.- se comprometen a levar a cabo durante os próximos catro anos co obxectivo de continuar avanzando cara a unha igualdade plena.

Neste momento está en marcha a preparación co cuarto plan, que toma como punto de partida, por unha banda, a análise dos fitos acadados nos tres anteriores e, por outra, todas aquelas achegas novas que fixo ou está facendo a sociedade municipal -persoal do Concello, grupos políticos, asociacións, representantes do CEIP, da EIM A Rolada, Garda Civil, Centro de Saúde, etc.- coa finalidade de que o PIOMH recolla accións consensuadas coa poboación e con todas as partes implicadas na súa aplicación práctica.

Onte á tarde, por exemplo, traballouse con varios colectivos nunha treboada de ideas sobre medidas que se poderían aplicar desde a Administración local, actuacións que fomenten o empoderemento e a participación sociopolítica das mulleres, outras conducentes a facilitar a conciliación e incrementar a corresponsabilidade e un cuarto aspecto directamente relacionado co obxectivo de erradicar a violencia de xénero.

Todas as ideas recolléronse en fichas que tamén se lles pasaron ás asociacións en formato dixital, de cara a que poidan amplialas até o próximo día 13, data sinalada para pechar a recepción de achegas. A partir de aí -e despois de sistematizalas todas- a consultora ten previsto manter a finais de mes unha nova rolda de encontros presenciais para darlle unha última volta ao borrador e, posteriormente (seguramente na primeira quincena de outubro), contrastar cos grupos participantes na súa elaboración que  efectivamente se reflicten nel as accións propostas.

O cronograma de elaboración do IV PIOMH de San Sadurniño -que proseguíu hoxe coas xuntanzas co persoal técnico municipal- calcula que na primeira semana de novembro poida haber un documento máis ou menos definitivo que poida levarse a pleno e presentarse publicamente nas datas próximas ao 25N.

 

Share.