O Concello e Cáritas colaboran na recollida de roupa usada

0

O Concello e Cáritas San Sadurniño acaban de poñer en marcha un servizo de recollida de roupa usada que abrangue as sete parroquias do municipio. O departamento de Servizos colocou 8 colectores en distintos puntos do territorio  nos que depositar prendas en bo estado que, posteriormente, Cáritas se encargará de xestionar. O proxecto ten dúas finalidades: por unha banda aforrar custos no tratamento de residuos evitando que se tiren prendas de vestir nos colectores xenéricos e, por outra -e máis importante-, facilitarlles ás familias con menos recursos lotes de roupa en bo estado.

Os sitios elixidos para poñer os colectores son a igrexa de Bardaos, a explanada de San Cristovo e o local da Seara en Ferreira, ao pé do adro de Igrexafeita, diante da cooperativa en Naraío, no acceso á igrexa de Santa Mariña e, xa en Lamas, na explanada do Casal (no Camiño Arriba) e ao pé do local social do Chao. No centro urbano hai dous colectores para roupa: un no acceso á Escola Infantil Municipal A Rolada e outro diante do colexio público.

Nos colectores deberase depositar exclusivamente roupa, independentemente do seu estado. As prendas en boas condicións serán ofertadas a familias e colectivos que precisen de axuda social, mentres que as inservibles serán enviadas a centros axeitados para a súa reciclaxe.

Da xestión dos colectores encargarase Cáritas de San Sadurniño que, xunto co Concello, agradecen a colaboración da veciñanza con este novo servizo.  A titular da área de Servizos, Amparo Calvo, apelou ademais á concienciación solidaria:  “en moitas casas hai armarios cheos de roupa practicamente nova que xa non se usa. Antes de tela gardada ou de tirala deberiamos pensar se alguén do noso contorno a necesita, xa sexan familiares ou persoas ás que saibamos que lle pode vir ben esa axuda”.

Para aproveitar ao máximo os colectores e facilitar a xestión, desde o Concello pídese que a roupa se deposite neles en bolsas e -preferentemente- dobrada. Camisas, pantalóns, camisetas, xerséis e calquera prenda exterior en boas condicións será recollida por Cáritas debidamente tratada para entregala posteriormente. Aínda que o servizo está pensado para recoller calquera tipo de peza, tamén se recomenda darlle saída a través del ás prendas infantís por ser estas as que máis adoitan rebaixar os gastos en roupa das familias con menos recursos.

Share.