O Concello e a AGFA do Eume premiarán o sábado a mellor froita do país

0

A Feira Rural de San Sadurniño que se celebra este sábado ten entre os seus obxectivos promocionar as castes autóctonas de froita e de reivindicar o seu potencial económico. Por iso unha das seccións fixas do evento é o concurso de lotes organizado en colaboración coa Asociación Galega da Froita Autóctona do Eume quen, ademais, xestiona a horta de conservación Carlos Fornos, situada no lugar da Cortiña.  As inscricións haberá que facelas o propio día da feira e os tres primeiros premios decidiranse mediante unha táboa de valoración das características organolépticas e morfolóxicas de cada lote concursante. Ademais, todas as persoas participantes levarán como agasallo unha árbore froiteira. 

Cada persoa poderá presentar cantos lotes de froita queira sempre que cada un deles sexa da mesma variedade e teña un peso mínimo de 2 quilos, aínda que o xurado pode admitir cantidades inferiores se a súa rareza ou o tamaño das pezas o xustifican. Os lotes deberán proceder de hortas tradicionais das comarcas de Ferrol, o Eume, o Ortegal ou Betanzos, vir presentados en cestos (non se admiten caixas con denominacións comerciais) e está marcado que por cada unidade familiar só se poderá percibir un premio.

A Comisión de Inscrición estará formada por dúas persoas expertas da AGFA, mentres que ao xurado se sumará tamén unha persoa en representación do Concello. Para facer as valoracións contarán cunha táboa de puntuación que, entre outros factores, valorará se se trata de variedades antigas ou en perigo de extinción, o seu tamaño, se a pel presenta ou non defectos, a cor, o grao de maduración, o sabor, etc.

Só por participar levaremos como agasallo un pé dunha froiteira do país e os tres primeiros premios recibirán cadanseu lote de produtos ecolóxicos, valorados en 100, 75 e 50 euros respectivamente. Os cestos premiados sortearanse -xunto cos achegados pola AGFA do Eume- ás 14.00 e ás 19.00h.

As bases completas poden consultarse nesta ligazón. O documento tamén  reflicte os horarios do concurso. As inscricións cómpre facelas na carpa principal de 10.30 a 11.00h. e  de 11.30 a 13.00h., aproximadamente, o xurado fará a valoración de cada lote. A comunicación  do fallo e a entrega dos premios será ás 13.30h. Se houbese algunha reclamación, a entrega faríase media hora despois.

Visitas guiadas e catas
O concurso da froita autóctona non é a única actividade relacionada coa difusión do noso patrimonio vexetal e coa calidade alimentaria. De feito, ás 12.30h. hai organizada unha cata-degustación de viño elaborado coa caste autóctona Branca Lexítima e de sidra producida a partir de mazás do país. A actividade estará dirixida por un técnico do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo. A cata completarase cunha degustación do queixo do Casal, un produto local que pode atoparse nos andeis das principais firmas de distribución xunto co seu famoso e suave requeixo.

As catas complementaranse con dúas visitas guiadas -unha ás 11.30 e outra ás 17.00h- á horta de froiteiras autóctonas Carlos Fornos situada ao carón da feira. Un campo xestionado pola AGFA do Eume que reúne a práctica totalidade de variedades da comarca e no que se imparten cursos ao longo do ano sobre poda e outros traballos agronómicos relacionados coa produción froiteira.

No mesmo recinto da horta encóntrase o apiario didáctico do Concello, que se poderá visitar ás 12.30 e ás 18.00h. Nesta instalación xestionada pola sección de Ferrolterra da Asociación Galega de Apicultura hai varias colmeas que, igual ca outras da comarca, están sufrindo os efectos da avespa asiática. Por iso durante as visitas seguramente se poida ver en directo como ataca a velutina. Por outra banda, a Casa do Mel de Goente tamén ofrecerá durante toda a xornada obradoiros para nenos e nenas relacionados co mundo apícola.

Marmeladas con froita do país
A xente miúda terá na IX Feira Rural unha chea de posibilidades para pasar o tempo. Os Picos do Sol ofrecerán de novo os seus obradoiros de circo e trebellos solares, poderán dar un paseo polo Xuvia a bordo dun kaiac e, ademais, o Concello programou para eles e elas un taller de elaboración de marmeladas de froitas do país procedentes na súa maior parte da horta de conservación municipal.

Este obradoiro  desenvolverase entre as 16.30 e as 18.00h. Ao seu remate os nenos e nenas ofrecerán unha degustación gratuíta que se acompañará de queixo e outros produtos elaborados por Queixos de Brigantia. O que se busca é que os nenos e nenas aprendan hábitos alimentarios saudables, pero tamén valores como o da igualdade e a corresponsabilidade na levanza dun fogar.

A actividade vai dirixida á rapazada de entre 3 e 12 anos e  oferta un total de 20 prazas, que se irán cubrindo por orde de inscrición o propio día da feira no posto de información do Concello. 

Por outra banda, cómpre lembrar tamén que o prazo de solicitude de espazos na Feira Rural está aberto ata o mércores ás 14.00h.. Hai que presentar cuberta a folla de inscrición, ben no rexistro municipal, por correo postal -Lugar do Casal nº 16, 15560 San Sadurniño- ou ben mandándoa ao correo agustin.perez@sansadurnino.gal.  O listado de postos admitidos publicarase na web municipal o xoves.

Share.