O Concello destina preto de 30.000 euros á área deportiva dos Currás

0

Durante estes días están levándose a cabo as obras de acondicionamento do aparcadoiro inferior da área recreativa dos Currás. Os traballos consisten na instalación dun sistema de drenaxe que irá acompañado dun novo firme de cemento en substitución da capa de zahorra actual, danada polo uso e polas escorrentías. O proxecto ascende a 26.445 euros aos que se lle suman outros 3.533 investidos recentemente na adquisición e instalación de catro banquiños cubertos no campo de fútbol.

A reparación do aparcadoiro situado ao pé da área recreativa era algo que o Concello tiña anotado na axenda desde hai dous anos, cando se fixo unha renovación completa de todo o espazo. Porén, as limitacións de orzamento naquela ocasión motivaron que se optase pola  zahorra para cubrir tanto esta superficie como a situada uns metros máis arriba, coa intención de poder melloralas en futuros exercicios.

O que se está facendo agora é empezar pola parte baixa, onde o uso e a acción da auga fan urxente unha reparación preventiva antes da chegada dos meses máis duros do inverno. Cómpre lembrar que o aparcadoiro soporta moito movemento durante todo o ano: no verán por causa da piscina e o resto dos meses por mor do fútbol sénior e de base. Ademais, alí van parar a maior parte das escorrentías cando chove e mesmo hai algún punto onde nace auga, o que ameaza con converter o sitio nunha auténtica lameira.

O proxecto municipal ten dúas partes. Dunha banda instalarase un tecido de tubaxes drenantes soterradas  coma unha grande espiña de peixe para chuchar e conducir a auga do terreo desde o asfalto do acceso principal até a parte máis baixa da área recreativa, lugar de saída natural da auga. Feito isto botarase un novo firme de cemento pulido -uns 500 m²-, que levará en todo o perímetro canaletas tapadas con enreixado co obxectivo de canalizar tamén a auga superficial.

O custe total da obra ascende a 26.445 euros e dela estase encargando a empresa ARECO Obras e edificación S.A. O financiamento provén dos remanentes de tesouraría cos que se pechou o exercicio de 2017. 140.000 euros cos que tamén se están levando a cabo outras actuacións polo territorio, como son a iluminación dos xardíns municipais e do Convento do Rosario, a execución de dous muros de contención en Naraío e Igrexafeita e a reparación de pistas en Cornide e Lamas. Nese importe tamén se inclúen os 37.500 euros que deberá  poñer o Concello na próxima intervención no castelo de Naraío, cun custe total de 151.000 financiados nun 80% pola Deputación da Coruña.

Novos banquiños no campo

O Concello investiu nos novos banquiños máis de 3.000 euros

O Concello investiu nos novos banquiños máis de 3.000 euros

Ademais de acondicionar o aparcadoiro da área recreativa, o Concello tamén levou a cabo melloras dentro do espazo deportivo dos Currás. Así, hai tan só uns días instaláronse no campo de fútbol catro novos banquiños cubertos fabricados en aluminio e policarbonato transparente, cunha factura máis resistente aos impactos e aos efectos do tempo que os anteriores, feitos con tubos metálicos tapados con lona.

Dous deles están dispostos en paralelo ás bancadas do estadio para que sexan utilizados polos equipos que xogan a todo o largo da cancha. Os outros dous situáronse no fondo norte pensando no fútbol de base, que disputa os partidos ao ancho empregando só a metade do campo.

O investimento neste caso foi de 3.533 euros ive incluído. Este importe asúmeo integramente a área de Deportes como parte da programación  de mantemento da infraestrutura deportiva, que contempla tamén un contrato de 3.000 euros para o peiteado e a redistribución do lastre no céspede artificial seis veces no ano. O resto de actuacións de mantemento de menor entidade van incluídas no convenio por valor de 9.000 euros suscrito co CF San Sadurniño como xestor das escolas municipais de fútbol e usuario habitual das instalacións de titulariedade municipal.

Share.