O Concello destina o Fondo Ambiental a ampliar os alumeados LED

0

O Concello acaba de contratarlle á empresa Técnicas Eléctricas Acebre S.L. a subministración e instalación dun novo sistema de alumeado con tecnoloxía led entre a Penamoura e a Penavidreira -en Naraío- e entre a rotonda do Outeiro e maila ponte sobre o Xuvia da estrada de Ferreira. O investimento total ascende a 33.855 euros, que se financiarán con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental. Os traballos permitirán mellorar as condicións lumínicas de case 3 km de vías públicas e, ademais, continuar reducindo o consumo e os custes de mantemento dos alumeados municipais. De feito, estímase que nestas dúas zonas o gasto enerxético baixe máis dun 80%.

O proxecto prevé deixar practicamente os mesmos puntos de luz e substituir as vellas lámpadas por ledes. Por varias razóns: unha maior vida útil -ata 50.000 horas de uso ininterrompido-, un menor consumo, unha capacidade lumínica que é case 12 veces maior que a dunha bombilla incandescente e por ofrecer unha luz branca de maior calidade desde o intre mesmo en que encende, mentres que os alumeados convencionais deben chegar antes a unha temperatura óptima de funcionamento para dar unha luz alaranxada ou verdosa moito máis pobre.

Porén, ademais de cambiar as lámpadas, a intervención tamén prevé unificar cadros de mando e contadores. Un cambio que será máis evidente na liña que vai desde a Penamoura até a Penavidreira, onde nestes momentos hai catro cadros con cadanseu contrato. Xuntalos todos permitirá aforrar ao momento os custes fixos que leva implícito calquera contrato -alugueiro de contador, potencia contratada, etc.- e simplificará considerablemente as tarefas de mantemento, xa que con menos mecanismos eléctricos tamén diminúe a posibilidade de fallos.

Por outra banda, ao tratarse de instalacións con case tres décadas de antigüidade, tamén se estaba producindo un consumo excesivo que agora se quere cortar de raíz. Os cálculos que se botan no proxecto elaborado pola FAEPAC -a fundación enerxética dependente da Deputación da Coruña- apuntan a que se pasará dos 42.000 kWh de consumo anual a tan só 7.200. É dicir, obterase unha baixa no gasto enerxético dun 82%. Dito doutra maneira: o Concello pasará de pagar 8.700 euros  a pagar 1.400 euros anuais pola luz destas dúas liñas de alumeado que agora se van cambiar a tecnoloxía led. E, por se queremos botar aínda outra conta máis: o aforro conseguido permitirá recuperar os 33.855 investidos en tan só catro anos e medio.

O Concello adxudicoulle os traballos á empresa Técnicas Eléctricas Acebre S.L., logo de solicitar o asesoramento da FAEPAC. Representantes da empresa, do Concello e da propia fundación provincial visitaron onte as zonas de intervención como paso previo ao inicio das obras, que lle afectarán aos sistemas de control eléctrico e aos farois. Desenvolveranse en dous puntos: desde a rotonda do Outeiro ata a ponte que pasa por riba do Xuvia preto da estrada da Bidueda e desde A Penamoura até Penavidreira, en Naraío, pasando por Campolabrado e O Chao.

A partida económica provén do Fondo de Compensación Ambiental, sustentado co canon anual que pagan as empresas eléctricas con aeroxeradores e liñas de evacuación no territorio. A San Sadurniño correspondéronlle 35.400 euros. Unha cantidade que baixa cerca de 1.500 euros con respecto á percibida o ano pasado dentro da convocatoria non competitiva. Das contías totais que pagan as eléctricas, a Xunta queda con aproximadamente o 60% mentres que o 40% restante é o que vai para distribuír entre os municipios para que executen proxectos relacionados coa sustentabilidade ambiental ou enerxética. Un “desequilibrio” en palabras do rexedor local, Secundino García, quen reclama que o canon eólico “revirta directamente en cada municipio, se non todo, si na súa maior parte”.

Share.