O Concello destina máis de 62.000 euros a axudas e convenios nominativos coas entidades

0

O Concello comunicoulles hai uns días ás entidades do municipio a resolución coa concesión de axudas para cultura e deportes deste 2018, logo de ser ratificadas pola comisión avaliadora da que forman parte tanto o grupo de goberno como o Partido Popular e o PSdeG-PSOE. En total achegaráselle ao tecido social unha contía de algo máis de 21.600 euros, destinados na súa maior parte ao desenvolvemento de actividades nestes dous ámbitos. Nese importe inclúense tamén 2.000 euros para colaborar no mantemento dos locais sociais de Igrexafeita e Naraío, os únicos que non son de titulariedade municipal. As entidades culturais teñen ata o 30 de novembro para executar e xustificar a súa programación. No caso das entidades deportivas o prazo remata o 30 de decembro. En ambos casos pode solicitarse unha prórroga dun mes máis se está debidamente xustificada. Alén destas axudas da liña competitiva cómpre lembrar tamén os 38.200 euros reservados para convenios nominativos, de maneira que o importe total da colaboración municipal co tecido social e deportivo ascende a 62.820€.

O reparto das achegas económicas atende aos criterios establecidos nas bases dunha convocatoria que, antes de ser publicada, se someteu a debate no seo do Consello de Participación Veciñal. Este ano beneficiaranse das subvencións 11 entidades do municipio, tres delas na liña para Deporte e as oito restantes na de programación cultural. Quedaron fóra dúas solicitudes por presentar a documentación fóra do prazo estipulado na convocatoria.

En anteriores exercicios todo o procedemento de adxudicación adoitaba completarse antes do verán. Porén, neste produciuse unha demora na tramitación por mor do requisito de actualizar ou completar información en varios expedientes de solicitude que despois debeu ser revisada pola área de Secretaría-Intervención.

En total foron aceptadas 11 peticións de axuda que, de acordo coas asignacións de puntuación reflectidas na convocatoria, quedaron da seguinte maneira:

Entidades culturais

Actividade

Infraestrutura

TOTAL

A.V. Xuntanza de Lamas

2.295,55€

0,00 €

2.295,55 €

A.D.C. Cofradía San Pipote

1.406,89 €

0,00 €

1.406,89 €

A.V. O Castelo de Naraío

4.000,00 €

1.000,00 €

5.000,00 €

AA.VV. Adiante de Igrexafeita

1.158,62 €

1.000,00 €

2.158,62 €

A.C.D. Santa Mariña do Monte

1.325,13 €

0,00 €

1.325,13 €

Asoc. Cabaleiros de Monte

227,58 €

0,00 €

227,58 €

ANPA da EIM A Rolada

1.427,58 €

0,00 €

1.427,58 €

Asoc. Cultural Brío

1.779,31 €

0,00 €

1.779,31 €

TOTAL

13.620,66 €

2.000,00 €

15.620,66 €

 

Entidades deportivas

Importe

Sociedade de Cazadores Naraio-Igrexafeita

503,00€

U.D.C. de Naraio

2.985,00 €

Club Deportivo Brío

2.511,00 €

TOTAL

5.999,00 €

 

O procedemento de xustificación das axudas unificouse desde este ano tanto en Cultura como en Deporte. Así, as asociacións e clubes terán que presentar facturas oficiais que sumen o total da cantidade concedida máis o 20% do importe total que se solicitou como axuda. É dicir, se unha entidade presentou un programa valorado en 10.000 euros e recibe unha subvención de 1.000, terá que xustificar un total de 3.000 euros (os 1.000 concedidos e 2.000 máis correspondentes ao 20% de 10.000 euros). Existe a posibilidade de presentar como gastos en equipamento e infraestrutura ata un 25% do total subvencionado.

Débese de ter en conta, ademais, a obriga de efectuar a través do banco os pagamentos superiores a 100 euros, xa sexa por transferencia ou por ingreso en conta, e que os recibos bancarios correspondentes deberán xuntarse ás facturas no momento de presentar a documentación xustificativa da subvención. Outra novidade é que, ademais dos gastos de mantenza, tampouco se aceptarán como xustificación os gastos de transporte.

As entidades culturais teñen de prazo para presentar a documentación xustificativa ata o día 30 de novembro, aínda que poden solicitar unha prórroga debidamente fundamentada -por ter programación aínda en decembro, por exemplo- que se concedería por un mes máis. Esta mesma opción tamén a teñen os clubes deportivos, aínda que para eles o prazo de xustificación finalice o 30 de decembro.

O Concello destina un total de 21.619€ ás liñas de axuda e Cultura e Deportes en concorrencia competitiva, ás que cómpre sumarlles outros 3.000 euros destinados a comisións de festas -máximo de 300 euros para cada solicitante- e tamén os importes dos convenios nominativos co Aldebarán de volei, o CF San Sadurniño, Biela e Chaveta, a AGFA do Eume, a asociación agroecolóxica A Cortiña, a Casa do Mel e a ANPA do CPI, por un montante global de 38.200 euros. Deste xeito, en 2018 o importe de axudas e convenios con entidades ascende a 62.820€.

Documentación descargable:
Bases das axudas para Cultura e comisións de festas
Impresos de xustificación: .odt e .pdf

Bases das axudas para Deportes
Impresos de xustificación: .odt e .pdf

Share.