O Concello destina 14.000 euros á rehabilitación da Fonte do Santo, no Camiño Arriba

0

O Concello acaba de adxudicar o contrato de obra menor para a restauración integral do lavadoiro da Fonte do Santo, situado no Camiño Arriba. Os traballos, que comezarán en breve, servirán para acondicionar tanto a edificación como o seu contorno. Deles encargarase a empresa local Construcciones Vega, logo de achegar a proposta máis vantaxosa das catro solicitadas polo Concello. O prezo total das obras ascende a 14.073,98€, financiados cunha parte dos remanentes económicos de 2016. O obxectivo municipal é continuar co programa de conservación destes elementos patrimoniais e, ademais, darlle resposta a unha solicitude da veciñanza presentada nas asembleas do orzamento participativo.

A Fonte do Santo e o seu lavadoiro levan anos en estado de abandono por causa da falla de uso e ata o momento as tarefas de mantemento limitábanse á limpeza do acceso e do seu contorno. A edificación -situada a escasos 400 metros da capela de San Estevo- ten unha estrutura cadrangular cuberta de tella a dúas augas debaixo da que se atopa o lavadoiro, feito en ladrillo e cemento. Unha fábrica moi semellante á doutras instalacións deste tipo remodeladas ou construídas a finais dos anos 50 e principios dos 60, en tempos do alcalde Francisco Dorado Victorio.

O estudo de partida reflectido no proxecto de rehabilitación apunta a que será necesario sanear todos os seus elementos -estrutura, canalizacións de auga e pío-, mantendo no posible o ripado e mailos cangos que sosteñen as tellas e repoñendo aquelas que falten.

Porén, ademais do lavadoiro en si, o Concello tamén quere converter a zona nun espazo de lecer que sexa máis accesible. Para iso instalaranse unhas novas escaleiras desde a pista principal e colocaranse dúas mesas con bancos á sombra dos salgueiros que hai ao carón do lavadoiro. Tal e como sinalou esta mañá o alcalde, Secundino García, o obxectivo é “poñer en valor o contorno e preservar esta pequena xoia do noso patrimonio, algo que a veciñanza do Camiño Arriba nos pediu nas asembleas dos orzamentos participativos”.

O rexedor lembra que polo territorio hai repartidos 13 lavadoiros que o Concello “tenta manter nas mellores condicións posibles, nuns casos limpándolles a maleza e noutros, coma neste, acometendo obras de maior envergadura que aseguren a súa conservación”.

O proxecto inicial cuantificouse en cerca de 17.600 euros, que quedaron rebaixados a 14.073,98 na oferta presentada por Construcciones Vega, quen comezará a rehabilitación dentro duns días. A empresa local foi a que achegou a proposta económica máis vantaxosa das catro solicitadas polo Concello.

A obra financiarase con recursos municipais trala incorporación de 230.000 euros do superávit de 2016 ao orzamento de 2017, aprobada no pleno do pasado 2 de decembro cos votos favorables do BNG e do PSOE e a oposición do Partido Popular. Esa cantidade destinarase na súa maioría a un programa de mellora da rede viaria ao longo deste 2018, aínda que tamén se reservou unha partida de 9.600 euros para reparacións no lousado da escola indiana da Leiriña, en Ferreira.

Share.